Mostrar mensagens com a etiqueta Opinións. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Opinións. Mostrar todas as mensagens

"A fin do consenso", por Xabier Grandío, Mocidades de TEGA

Neste ano que remata conmemoráronse dous feitos que teñen unha importanciacapital para entender o desenvolvemento político do Estado Español durante os últimos 30 anos: as primeiras eleccións democráticas e a primeira vitoria do PSOE nunhas eleccións xerais.

O pacto que permitiu que os perseguidos durante a ditadura de Franco puideran chegar a gobernar algún día foi, en esencia, un acordo entre franquistas e demócratas que quixeron por riba de todo afastar o perigo dun novo enfrentamento bélico coma o de 1936. As forzas de oposición á ditadura eran coñecedoras do limitado apoio social co que contaban e aceptaron entrar nun xogo que controlaban as novas xeracións de burócratas "azuis"; non cuestionaron a entronización de Xoán Carlos I e incluso o PCE aceptou como propia a bandeira da monarquía en aras da "reconciliación nacional" [i]. O "establishment" económico da época tamén era consciente da necesidade de "europeizar" España e non puxo demasiados impedimentos a un proceso que non lles perxudicaba en exceso e lles podía abrir a medio prazo as portas do Mercado Común [ii]. O exército, único elemento que podía poñer en perigo o proceso de evolución política foi, en liñas xerais, disciplinado porque a maiores non era unha institución monolítica; o propio proceso biolóxico deixou en evidencia que un sector cada vez maior da oficialidade non era franquista ou, cando menos, non estaba disposto a levantarse para reivindicar a lexitimidade do 18 de xullo [iii]. A clara vontade de entendemento entre os partidos políticos do momento permitiu que se consensuara case ao 100% (o PNV non a apoiou) unha Constitución que instauraba a Monarquía Parlamentaria e permitía abrir procesos de descentralización territorial, as chamadas autonomías. Galicia, Catalunya e Euskadi estaban en primeira fila e [iv] (xunto con Andalucía) votaron en referendo os seus Estatutos de Autonomía, mentres que o resto do Estado acabou consolidándose o "café para todos" e a descentralización das competencias foi global. Este marco político funcionou razoablemente ben durante 20 anos pero xa dende finais dos 90 empezou a amosar síntomas de esgotamento.

Quen escribe o presente artigo naceu en democracia e sen o perigo dun golpe militar, co cal pode dar unha visión menos emotiva do pasado. Cando Felipe González gañou as primeiras eleccións democráticas en 1982 os seus esforzos centráronse na reconversión económica que fora aprazada dende o tardofranquismo e en encadrar España no eixo Euroatlántico; o seu partido pactara pouco antes a LOAPA coa UCD para consagrar o sistema laminar de competencias co que funciona o Estado das Autonomías e así evitar que algún territorios puidesen adoptar decisións que fosen contrarias ás tan cacareadas "razóns de Estado" e desta maneira o partido do "socialismo en libertad" ,que en 1975 defendía o dereito de autodeterminación para os pobos do Estado Español, renegaba do seu pasado. Esa carta, aínda que parcialmente anulada polo Tribunal Constitucional, é a que serve aos intereses do Goberno central á hora de invadir sistemáticamente ás competencias das Autonomías co beneplácito do, agora totalmente dócil, Tribunal Constitucional. É tal a sensación de fastío dos gobernos autonómicos que algún xa renunciou dende hai anos a presentar recursos porque coñece de antemán o sentido do ditame [v].

Durante a segunda lexislatura de Aznar abriuse en Catalunya e Euskadi o debate sobre a comenencia de reformular o modelo de relacións institucionais entre os gobernos autonómicos e o Estado, aínda que con matices de forma importantes . Mentres que Euskadi falaba abertamente dun pacto de Libre Asociación [vi],Catalunya propoñía un novo Estatuto de Autonomía [vii] que consagrara o principio de bilateralidade ou, o que é o mesmo, introducise elementos federalizantes na estrutura do Estado Español.

A día de hoxe, vendo a situación política do Estado Español, teño a impresión de que o consenso ao redor do modelo de Estado rachou porque non existe a vontade entre unha das partes (os partidos estatais) de avanzar no perfeccionamento do mesmo para dar cabida a todas as opcións políticas. Se o PP ten unha postura que cada vez o aproxima máis á extrema dereita franquista e dende os seus altofalantes mediáticos se fala de reformar a constitución para "blindar" o Estado de competencias, o PSOE tentou facer unha política de equilibrios consistente en intentar ceder nas cousas menos esenciais (Estatuto de Catalunya) [viii]e dar cara a fóra unha imaxe de firmeza para non exaltar ao seu electorado da meseta(Navarra) [ix] . O resultado é que o centro ten unha reacción cada vez máis hostil cara á periferia e que ésta ve cada vez con máis claridade que estar dentro de España non é un bo negocio; tanto vascos como cataláns ven que Madrid non é un "socio de fiar" e este feito explica que Ibarretxe queira convocar un referendo de soberanía o vindeiro ano e que ERC queira facer o propio en Catalunya no 2014 [x]. Este conflito puido ser "conlevado" durante unha xeración pero a miña, a que non viviu o franquismo, ve cada vez máis claro que estar dentro dunha estrutura estatal que quere centralizar o poder nunha cidade contra vento e marea só trae perxuízos á nosa terra en forma de investimentos mínimos, emigración de técnicos cualificados e perda das nosas principais empresas para pagaren os seus impostos na "villa y corte". Da mesma maneira, non entendo por qué teño que finanzar cos meus impostos a vida e as vacacións dun señor que eu non elixín para que fose o Xefe do "meu" Estado e isto é algo que tamén se percibe de maneira crecente entre a cidadanía; pouco a pouco se empeza a cuestionar a razón de ser dunha institución tan anacrónica como é a monarquía [xi]. En definitiva, o modelo constitucional de 1978 xa está superado e o que é claro é que a evolución política dos próximos anos non será nin moito menos plácida nin estará exenta de tensións cada vez maiores.

Qué é o que eu creo que podemos facer dende as Mocidades de Terra Galega? É obvio que a independencia é un obxectivo imposible de acadar a medio prazo, pero si penso que hai que empezar a actuar prescindido da idea de Estado; nós non temos que propoñer ningún modelo de organización territorial para o Estado Español nin temos que salvar España, en todo caso será o Estado o que terá que se adaptar ao ordenamento xurídico que os galegos nos queiramos dar nun determinado momento e para poder ter capacidade para o impoñer cómpre que nós teñamos forza nas institucións autonómicas galegas ¡Basta xa de autoxustificacións e eufemismos cando, simplemente, esiximos o que nos pertence!. Todo o que non sexa plantexado coa forza dos votos nacionalistas non será máis que unha operación de maquillaxe forzada por cuestións de imaxe, coma o recente intento de reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia onde a principal cuestión, a soberanía, quedaba intacta nas mans do goberno central. Síntoo moito, pero non confío nos compromisos porcentuais de investimentos públicos do señor Zapatero nin tampouco nunha eventual ampliación de competencias que non poidamos manter e nos faga dependentes unha vez máis das transferencias económicas do Estado; só confío nun sistema onde Galicia administre todos os tributos soportados no seu territorio e teña plena capacidade de dirixir a súa política sen interferencias do poder central, un sistema onde Galicia camiñe cara á plena soberanía.

[i] Durante o primeiro Comité Central do PCE na legalidade, o 14 de abril de 1977.
[ii] De feito, a razón pola que as negociacións entre o Estado Español e a Comunidade Económica Europea estaban conxeladas era a existencia dun réxime autoritario.
[iii] Mesmo chegou a existir durante o franquismo unha asociación clandestina de militares demócratas, a Unión Militar Democrática.
[iv] En virtude da Disposición Adicional Iª que permitía acceder de maneira máis rápida a aqueles territorios que no pasado tivesen plebiscitado afirmativamente un Estatuto de Autonomía.
[v] O goberno vasco aínda non ten transferidas as competencias relativas á administración dos Centros Penitenciarios que lle recoñece o Estatuto de Gernika.
[vi] Ibarretxe presentou dito proxecto, o Plano Ibarretxe, en setembro de 2002 apoiado polo Parlamento Vasco con maioría absoluta dous anos despois.
[vii] Proxectos de reforma presentados por CIU e o PSC-PSOE en 2003
[viii] Finalmente, a cuestión do finanzamento reduciuse á creación dun consorcio Estado-Generalitat e a unha maior participación do goberno catalán nos tributos estatais.
[ix] A decisión da Executiva Federal do PSOE impediu á súa federación navarra pactar cos nacionalistas de Nafarroa-Bai.
[x] Sondaxe de El Periódico de Catalunya do 15-10-07: O 58,6% dos cataláns son favorables á celebración dun referendo de independencia, o 30,8% é contrario e o 10,7% non se pronuncia.
[xi] Segundo unha sondaxe publicada por "El Periódico de Catalunya" en outubro de 2007, os que se declaraban republicanos superaban os monárquicos.

"Quen discrimina a quen?", por Bruno González, Mocidades de TEGA

Dende hai un tempo vimos escoitando dende determinados sectores sobre todo da dereita pero tamén da esquerda española que nas Comunidades Autónomas que teñen recoñecida por lei unha lingua de seu, especialmente Cataluña, Galiza e Euskadi ( o País Valenciano é outro cantar porque nel goberna os mesmos que protestan), se está a producir unha discriminación dos castelán-falantes que a maioría dos que vivimos nelas non notamos (falo pola propia experiencia). Hai uns días, con motivo dun xuízo que se seguía na Audiencia Nacional contra dous mozos cataláns (o motivo ou se son ou non culpables para o que me ocupa é o de menos), ante o intento dos rapaces por contestar en catalán ás preguntas que lles eran formuladas, foron requeridos polo xuíz para que falasen en español, ao que eles se negaron argumentando que o catalán era unha lingua oficial ademais do seu idioma de expresión habitual e que tiñan dereito a se expresar nel auxiliados por un intérprete, cousa que lles foi negada.

Ata aí parece que se segue o guión habitual nestes casos, pero o máis curioso foi a argumentación do maxistrado; este veulles dicir que na Comunidade de Madrid onde se atopaban o único idioma oficial é o castelán, cousa que de primeiras parece bastante razoable, aínda que ó meu entender non o é, explícome: a Audiencia Nacional é un tribunal que xulga casos de especial relevancia para o Estado prodúzanse estes onde se produzan, polo que o feito de que circunstancialmente a súa sede se atope radicada en Madrid ven motivado pola súa condición de capitalidade, co que en sentido estricto esta non se atopa na Comunidade de Madrid senón no Estado Español, ente político ó que en realidade representa, e no que o catalán é unha das linguas oficiais do lugar onde aconteceron os feitos xulgados. Isto quere dicir que o argumento do xuíz sería válido se se tratase, por exemplo, da Audiencia Provincial de Madrid e se xulgasen feitos acontecidos nesa comunidade, pero non no caso que nos ocupa.

Traio ao caso este suceso non pola simpatía que me produzan os feitos xulgados, dos que me vou reservar a miña opinión, senón para exemplificar o doble raseiro co que o nacionalismo español trata os temas lingüísticos, facendo incluso un uso coxuntural do Estado das Autonomías do que outras veces tanto renega. Este si é un feito discriminatorio con respecto ás linguas minoritarias que debería tratar de subsanarse, aínda que moitos nos conformaríamos con que este tipo de casos non se desen nos xulgados das nosas localidades, onde o galego si é unha lingua plenamente oficial pero nos que día a día segue habendo casos de discriminación lingüística.

Por último quero deixar unha pequena reflexión sobor deste tema para os que aínda teñan dúbidas de quen discrimina a quen: ¿desde cando o grande precisou ser protexido do pequeno? ou, dito doutro xeito, ¿cando o peixe pequeno foi quen de comer ó grande?

Poñamos un pouco de sentido neste debate, por nós, pola nosa cultura, porque o galego é cousa de todos.

"Caciquismo ou democracia", por Bruno González, Mocidades de TEGA

Durante moitos anos a política deste país estivo marcada polas redes clientelares tecidas entorno a un goberno que distinguía moi ben entre amigos e inimigos á hora de elaborar os presupostos. Era o que moitos chamabamos a Galiza da subvención, a do amiguismo, onde os cartos se repartían de xeito discrecional e onde os dereitos se convertían en privilexios dos que só gozaban aqueles que estaban baixo a sombra do poder establecido. Era a época de Don Manuel e os seus amigos.

Hai algo máis de dous anos moitos alegrámonos de que por fin mudase o goberno da Xunta pensando que con el mudarían tamén ese tipo de prácticas. Inxenuos de nós, resultou que aquel amiguismo do que culpabamos ao goberno de Fraga era algo moito máis importante ca iso; o clientelismo era parte do noso propio ser, un elemento da cultura política do noso país que hai que protexer como un feito diferencial galego, só iso pode explicar que a día de hoxe sexa o BNG o gran impulsor deste xeito de facer política: “ti es amigo, pois toma unha galescola; ti non, pois quedas sen centro de maiores”, é dicir, o de menos son as necesidades dos galegos, o que prima é defender as nosas tradicións empezando polo caciquismo, un elemento diferencial de primeira orde segundo parece.

Para rematar só me resta pedir desculpas por non ter mencionado nestas liñas ó PSdeG-PSOE, pero é que teño entendido que este periódico ten como referente Galiza , polo que non creo que veña ó caso meter en vereda a un partido plenamente sometido os designios marcados dende a “Villa y Corte” para esta Terra sempre submisa e obediente.

Despois disto cabe concluír que o único que nos queda é apostar por esta nova vía, TERRA GALEGA, o partido para todos os galegos. Longa vida para este proxecto.

"Terra Galega, a necesidade dun proxecto", por Xabier Grandío

Dende hai varios anos eran moitas as voces que en Galicia falaban da necesidade dunha forza, chamada “cuarta vía” ou “cuarta pata” que normalizase o panorama político galego. O esfarelamento de Coalición Galega en 1993 e a imposibilidade de que outros proxectos inspirados nesa idea chegasen a bo porto deixaron orfos políticamente durante 15 anos a milleiros de galegos.

Para expoñer claramente a necesidade dun partido político inspirado no nacionalismo galego aberto e plural é bo facer un pouco de historia e coñecer os precedentes antes de chegar ao día de hoxe. Dende a fin da ditadura franquista houbo dous partidos políticos inspirados no noso proxecto que foron o Partido Galeguista de Avelino Pousa Antelo e Coalición Galega, liderada por Euloxio Gómez Franqueira.

En 1985 Coalición Galega acadou 11 deputados no Parlamento de Galicia e en 1986 colocou por primeira vez dende a Guerra Civil un deputado nacionalista galego no Congreso dos Deputados de Madrid. Esta forza política decidiu a investidura dun Presidente da Xunta e a súa posterior destitución, sendo o eixo central da política galega entre 1985 e 1990. Os erros propios, sumado a un linchamento mediático o daquela Presidente do partido e Vicepresidente da Xunta, propiciaron que Coalición Galega baixase de 11 a 2 deputados nas eleccións de decembro do 1989, perdendo definitivamente a representación n´o Hórreo en 1993.

O fraguismo, cos seus métodos de dominio caciquil e mediático case absoluto, impediron que durante o goberno do Partido Popular en Galicia puidese xurdir unha alternativa que fose quen de disputar o espazo político tanto ao PP como ao Bloque Nacionalista Galego (BNG).

En aras do voto útil, quen votaba centro ou centrodereita votaba ao PP e quen votaba nacionalista votaba ao BNG, levando á vida política galega unha crispación sen precedentes pola falla dunha forza política que servise de punto de enganche entre estas dúas forzas e tamén co federalismo do PSOE en Galicia. PP e BNG estiveron retroalimentando o seu discurso de maneira irresponsable durante a práctica totalidade do período de Manuel Fraga á fronte da Xunta de Galicia.

As Eleccións ao Parlamento de Galicia en xuño de 2005 supuxeron a perda de toque para a fin do sistema caciquil que imperaba no noso país de maneira prácticamente ininterrompida dende finais do século XIX. A perda da maioría absoluta por parte do PP e a alternancia no poder por parte do bipartito PSOE-BNG permitiron un cambio no panorama político galego que facilitou o noso nacemento en outubro do mesmo ano como unión de varios grupos de ámbito municipal, provincial e nacional. O noso partido puido celebrar un congreso en maio de 2006 que serviu para unificar criterios e presentármonos diante da cidadanía galega como un partido nacionalista, centrista, progresista e municipalista.



Nas Eleccións Municipais de maio Terra Galega fixo historia; conseguiu consolidarse a todos os efectos como cuarta forza do panorama político galego en número de votos, número de concelleiros e alcaldías dirixidas polo noso partido. Terra Galega goberna ou cogoberna a máis de 120.000 galegos e a día de hoxe é a forza nacionalista de centro de referencia. Estes resultados, que son consecuencia dun esforzo por parte de todos aqueles que estiveron dispostos a chegar a acordos e a unha campaña onde había que dar a coñecer o novo partido teñen que servir para ver que hai unha gran parte da poboación que desexa a nosa existencia como partido central da política galega, como partido que sirva de punto de encontro cos demais partidos políticos con representación no Parlamento de Galicia.

Terra Galega ten que seguir traballando na liña de sumar vontades e integrar a toda aquela xente que queira traballar por unha Galicia próspera e con oportunidades para todos. É a nosa obriga a de sermos flexibles e abrir as nosas portas a todos aqueles que cren que hai outra maneira diferente de traballar por Galicia sen ataduras e sen extremismos ao mesmo tempo. Tamén hai que ter en conta que traballamos con desvantaxe, posto que os nosos rivais posúen medios de comunicación afíns ou altas responsabilidades gobernamentais no seu ámbito de actuación, razón pola que traballar para consolidar o noso partido é non só unha necesidade senón unha esixencia a curto prazo. Terra Galega ten que aspirar a ser algún día o partido de Galicia, o partido de referencia de todos os galegos.

"As mentiras dos medios de comunicación contra Galicia", por Xabier Grandío

Durante os últimos tempos os medios de comunicación de Madrid, e moi especialmente os que manteñen unha liña ideolóxica próxima ás teses do PP, empezaron a levar a cabo unha campaña de desprestixio contra as medidas encamiñadas a normalizar o galego así como dignificar os nosos sinais de identidade. Respectamos a discrepancia porque o pluralismo ideolóxico é imprescindible para vivirmos nunha sociedade democrática, pero a democracia tamén ten que esixirlles aos medios de comunicación un tratamento riguroso e veraz das informacións alén do lexitimo dereito que estes teñen de emeter opinións. Así que ante o insulto, a descalificación, a manipulación e a mentira diarias cremos que é interesante reproducir os seguintes extractos de novas ou reportaxes publicados en medios de comunicación de gran audiencia radicados en Madrid durante este verán.

Anxo Quintana apuesta niños gallegos 'conozcan y sepan cantar' himno gallego


El vicepresidente de la Xunta, Anxo Quintana, apostó hoy porque los niños y niñas de Galicia 'conozcan y sepan cantar' los versos del himno gallego, del que este año se conmemora el primer centenario de su interpretación oficial.

Quintana, que realizó estas declaraciones en la XXVIII Fiesta del Gaiteiro de Soutelo, destacó que de este modo se hará uno de los 'mejores homenajes' que se le puede tributar a personajes como Avelino Cachafeiro, Eduardo Pondal o Pascual Veiga, autores estos dos últimos de la letra y la música del himno gallego. Para el número dos del gobierno gallego, 'el himno, su letra y su melodía, es el compás que oficializa los sentimientos de Galicia como país', según explica el departamento que dirige Quintana en un comunicado de prensa. El vicepresidente de la Xunta consideró que la letra de Pondal expresa 'la lucha de un pueblo en defensa de su lengua y de su identidad. Es un lenguaje que agita el despertar de Galicia como nación. Por eso, mientras haya himno, habrá país', aseguró. Según Quintana, la fiesta del gaitero es una 'parada obligada' en el calendario cultural de Galicia y elogió este evento para rendir 'justo' homenaje a la figura de Avelino Cachafeiro. A su juicio, la música es un 'espacio de sentidos, pero también de realidad histórica y de memoria', y por eso reivindicó el papel de la música 'para hacer país y como elemento de construcción y fortalecimiento de la identidad gallega'. Así, destacó la importancia de las manifestaciones de la música tradicional 'que son el material genético de un pueblo'. El número dos de la Xunta indicó que 'ningún pueblo puede ser capaz de crecer adoptando la vía de la renuncia a su cultura', por lo que el gobierno gallego 'defiende y comparte' que todas las acciones en el ámbito de la cultura tienen que encuadrarse en un marco de 'reconocimiento, valoración y protección de lo propio'. Según Quintana, los gallegos 'por desgracia' son 'herederos de una tierra que ha conocido y padecido el autoodio', por lo que reclamó que el silencio de las expresiones culturales propias tiene que dar paso 'a un tiempo nuevo' en el que se logre 'una nueva realidad'. El titular de la Vicepresidencia de Igualdad y Bienestar felicitó a los premiados en la edición con la medalla del gaitero de Soutelo; la Coral Ruada, Edicións do Cumio, Editorial Ouvirmos, el Grupo de Gaitas Cachafeiro de Maracaibo y el gaitero José Fírvido Cachafeiro 'Maduro'. 'Estos galardones están diseñados para reconocer el talento y quieren ser también estímulo para la aparición de nuevos nombres que dejen huella', concluyó.

AGENCIA EFE (18-8-2007)
Estas foron as declaracións que o Vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, fixo aos medios de comunicación o 18 de agosto publicadas pola Axencia EFE. Estas son as novas que dende ese día publicaron diferentes medios de comunicación radicados en Madrid:

“ El 18 de agosto, Anxo Quintana (vicepresidente) proclama que todos los niños que salgan a los tres años de las 'galescolas' sabrán cantar el himno gallego (...)Desde el lunes, 1.100 menores de 3 años serán educados en gallego. Anxo Quintana, líder del Bloque y vicepresidente de la Xunta en coalición con el PSOE, quiere que aprendan de memoria el himno”
EL MUNDO- ANÍBAL MALVAR CRÓNICA (3-9-2007)


Quintana quiere que los niños canten el himno gallego, que insulta a quienes no lo entienden.
“El Vicepresidente de la Xunta, Anxo Quintana, quiere que los niños gallegos “conozcan y sepan cantar” los versos del himno gallego en el que se califica de “ignorantes” e “imbéciles” a los que no comprenden la lengua autonómica.”
EL MUNDO- (20-8-2007)


“Galicia contará con 23 galescolas en donde más de 1.000 niños serán educados sólo en gallego. Galicia contará a partir de este lunes con galescolas, guarderías para niños de hasta 3 años. El material didáctico será exclusivamente en gallego, así como la lengua que utilizarán. Este proyecto –impulsado por el BNG– contará, en un principio con 23 centros, a los que se añadirán otros 23 en el primer trimestre de 2008. Y es precisamente en estas galescolas donde Quintana quiere que se enseñe el himno gallego.”

LIBERTAD DIGITAL- (3-9-2007)


“en Galicia, desde le primer lunes de septiembre, se han puesto en funcionamiento lo que se denominan "galaescolas". Es decir, una nueva red de guarderías públicas que ha implantado el gobierno nacionalsocialista gallego a instigación sobre todo del Bloque Nacionalista Gallego...”
“¿Y cómo es el himno gallego que tanto le gusta a Anxo Quintana?. Bueno, es una mezcla de mitos, de insultos a la inteligencia y de disparates nacionalistas, como suele ser habitual. (...) el texto viene a asegurar de manera tan poco muy sutil, que los que no entienden el gallego son crueles o imbéciles (...)Vamos, como mezcla de estupideces y de racismo no tiene desperdicio. No se puede esperar otra cosa de un gobierno
nacionalsocialista , para que nos vamos a engañar, se asienten en Berlín o en La Coruña.”

CADENA COPE- CÉSAR VIDAL “LA LINTERNA” (3-9-2007)


Una web de la Xunta concede que "Galicia es heredera de la raza superior celta"

En pleno debate sobre la conveniencia de la implantación de Educación para la Ciudadanía, en Galicia, la
Consejería de Educación de la Xunta no se lo ha pensado dos veces y ha recogido en una de sus páginas web una afirmación que habla de la superioridad de los Gallegos por provenir de "la raza superior celta" (...) Concretamente la cita es la siguiente: "optando por el rigor documentalista, la apelación a textos escritos y el uso de una bibliografía solvente, (Murguía) ofrece ya, según las concepciones orgánico-historicistas, una sólida teoría nacional: Galicia es una nación natural y espontánea, heredera de la raza superior celta, hablante de un idioma propio, habitante de un territorio definido, y poseedora de unas costumbres, una mitología, unas instituciones y un folclore señalados"(...) Una semblaza publicada por el "Xornal Educativo" de la página web de la Consejería de Eucación de la Xunta de Galicia.

LIBERTAD DIGITAL- (25-08-07) Nota: Esa cita está publicada dende setembro de 2004, cando o PP aínda gobernaba a Xunta.

Non é a nosa intención a de facer de abogados de ninguén, posto que os políticos teñen que aumir as súas responsabilidades cando toque. Pero o interesante disto é ver a capacidade de manipulación e terxiversación da realidade que teñen os medios de comunicación madrileños; calificar o hino galego de “racista” é o summum da demagoxia, así como dicir que un neno de 3 anos ten que o saber cantar. Estes medios de comunicación iniciaron unha campaña de desprestixio contra as iniciativas encamiñadas a normalizar o galego co obxectivo de manter o “statu quo” actual dun idioma en situación de diglosia que sexa utilizado só para situacións informais; é por iso que tampouco están conformes con calquera medida tanto política coma da sociedade civil encamiñada a dignificar os nosos sinais de identidade por toda a carga política que conlevan. Especialmente grave é cando os citados medios de comunicación contan cunha gran audiencia e difusión no conxunto do Estado, contribuindo coas súas accións a crear odio e receo entre centro e periferia, un día son os cataláns, outro os vascos e, cada vez con máis insistencia, agora os galegos. Todo vale con tal de presentarnos como uns separatistas incontrolables, autoritarios e desfasados con sede de poder, mentres que eses medios se erixen como garantes da liberdade, sempre que esa liberdade supoña a total e absoluta preponderancia da “villa y corte” madrileña á hora de tomar decisións importantes. Ese é o particular concepto da liberdade que teñen certos xornalistas mesetarios.

"Xuventude ignorada??" por Xaqueline Cao, de TEGA-Arteixo

O traballo é unha preocupación para milleiros de xóvenes e non tan xóvenes. A idade de emancipación vai camiño de superar os 35 anos: hai xente moza que se casa para poder pagar a hipoteca do piso na nova modalidade do “matrimonio de conveniencia..,” hai xente moza que ten dous traballos en vez de un, porque con un (dos de oito horas ao día) non dá para todo… Así, vivimos centos de persoas xóvenes en Arteixo.
¿A que é debida esta situación??, ¿Por que o desemprego é máis alto entre a xente moza?? Esta é unha das moitas preguntas que como diplomada en Relacións Laborais, me plantexo case a diario. Eu imaxino que será porque se nos coloca nun mercado moi competitivo e, polo tanto, moi inxusto. Porque da vocación mellor non falar, xa que iso é algo que quedou no baúl dos soños adolescentes: se queremos ser enxeñeiros de camiños, poñemos os cóbados como posesos estudando noites interminables, pero sabemos que despois, iso que chaman o "mercado laboral", soamente dá para gañar pouco máis ou menos mil euros como administrativo nas empresas de mellor reputación, ¿para que nos serve a nosa vocación?? Esas son as expectativas de emprego que temos a xente moza hoxe en día. E, ¿que se fai dende a nosa política local, dende o noso concello, para mellorar esta situación?? Esta é outra das moitas preguntas que como diplomada en Relacións Laborais, me plantexo tamén case a diario. E a única resposta que tristemente atopo é “NADA”.

“Empregar a xóvenes custa menos porque saben menos”. Ofrecer xente xoven barata non pode ser a opción dun concello que queira medrar económica e socialmente, porque estaría perpetuando un círculo vicioso. A xente moza que traballa a tempo completo con salarios moi baixos e sen beneficios sociais, non é tampouco unha opción válida. A pronta captación de profesionais para cargos que demandan experiencia, tampouco é unha opción porque ocupan empregos que non lles corresponden e, ademais fano antes de tempo, deste xeito só se consegue que os profesionais, sexan cada vez máis baratos. É dicir, a única opción válida é facer unha política social de xuventude, non vendo á xente moza só como un complemento económico senón convertíndoa nun elemento central do desenvolvemento municipal.

Esta épica laboral debe comezar a resolverse dende dentro, dende a política local, dende o noso Concello, dende as mesas de negociación… aínda que os exércitos de mileuristas, as hipotecas e o endebedamento crecente da xuventude, pode poñer esta mesa patas arriba. ¿Que nos queda por facer ás mozas e mozos de Arteixo??, ¿Converternos nun grupo de xóvenes descolocados, desocupados e desasosegados?? A alternativa, evidentemente, ten que ser outra. Non estaría mal empezar por ter un espazo para a xuventude que tivera como obxectivo o asesoramento, a orientación e a formación dos xóvenes para facilitar a súa emancipación e que poidan proxectar un futuro profesional consolidado. Tampouco estaría mal fortalecer a participación política dos e das xóvenes, para aumentar as súas capacidades de involucrarse en asuntos económicos, sociais, culturais, xurídicos e de outro tipo que afecten ás súas condicións de vida e de traballo. Pero, en Arteixo, de momento, aínda segue predominando o xeito tradicional de administración local, baseado na xerarquía, na competencia, no recelo entre compañeiros, o grupismo, a negación do conflito, os favores e a desconfianza. Prevalece a excusa evidente ou disfrazada para non volver visibles e públicas as actividades e as ideas que a sustentan; non existe o hábito do debate aberto e democrático sobre os proxectos que se queren por en marcha... Isto, evidentemente, non favorece que nós, os xóvenes, a xente coma ti e coma min, se motiven por formar grupos de traballo, se motiven ante as iniciativas propostas. Ben pode ser isto porque non están ben plantexadas, ou porque aínda non están maduradas as condicións ou porque aínda non estamos preparados... Por iso, o que nós precisamos é unha xestión de "funcionamento", de manexar o que hai, manexar os recursos, non propositiva, sen riscos, só de adecuación ás novas necesidades, aos requisitos ou ás demandas impostas pola sociedade actual na que nos tocou vivir.

O que eu vivo en Arteixo é unha administración sen proxecto, sen proposta, ou sexa unha dirección de “mantemento” na que a súa capacidade só serve para facer que as cousas continúen como están ou que melloren só para uns cuantos, pero as propostas non teñen realmente ningunha dirección, é a dirección da “inercia”, como di Álex, o meu compañeiro de partido. A inercia do funcionamento gáñalle á posibilidade de dar algunha identidade aos posibles proxectos dirixidos á xuventude. É dicir, para min, a actual administración do noso concello non ten sentido algún nos tempos que corren.

Agora aparece un novo discurso para a xestión: TERRA GALEGA (TEGA), que vai deixar atrás ese xeito tradicional de goberno local. TEGA, preséntase como modelo de xestión: o discurso ao servizo da xente de Arteixo (nenas, nenos, xóvenes e non tan xóvenes), de xestión polos resultados, medidos por indicadores, a autoavaliación, o autocontrol (os indicadores sobre o que nos “autoavaliamos” non os colocamos nós), o control da eficacia… Por iso me gustou o programa desta nova alternativa, deste novo partido; por iso estou nesta lista de candidatos, por iso e porque, como traballadora mileurista que son, só vin neste partido un verdadeiro interese por dar un impulso á xente moza, un impulso a esas necesidades e demandas reais que temos, (vivenda, emprego, formación, etc…).

Cando empecei a escribir este texto, o meu obxectivo era o de “explicar brevemente” a maneira en que TEGA quere implicarnos á mocidade no seu xeito de gobernar, pero vexo que é moi complicado definir, nun texto de opinión coma este, un xeito de achegamento dos xóvenes a toda esta “movida” política; sobre todo se temos en conta que ademais nunca, ata o de agora, se nos tivo en conta para semellante cousa. O único que se propuxo, ata o día de hoxe, en Arteixo NUNCA foi obter "un resultado acabado”, senón que se puxeron en marcha moitos “comezos" que nunca deron os seus froitos porque NUNCA se contou cos verdadeiros protagonistas, cos realmente interesados, cos xóvenes. Polo tanto, fago dende aquí un chamamento aos mozos e mozas veciños deste concello para por en marcha unha serie de iniciativas para que "as necesidades que os xóvenes non encontramos satisfeitas, poidan ser tidas en conta".

En TEGA, contamos coas túas ideas, contamos contigo!!

"Votar ou non votar…? Esa é a cuestión" por Alejandro Rabuñal, de TEGA-Arteixo

Teño 21 anos e, polo tanto, pertenzo a ese grupo de idade entre os 16 e os 30 anos chamado xuventude. Considérome un xoven con inquedanzas pero tamén coas ideas moi claras e, por suposto, á marxe da contaminación informativa que sofre a xente da miña idade, tanto a nivel político, como social, etc. Como xoven, síntome verdadeiramente integrado e identificado á hora de falar deste tema porque levo nove anos dentro do grupo de voluntariado do Concello de Arteixo, e formando parte deste grupo, fun facéndome coñecedor e compartindo algunhas experiencias que me fixeron “abrir os ollos” e querer buscar solucións a problemas que non están tan lonxe de nós: desigualdades sociais, acceso dos xóvenes á vivenda, ocupación do tempo de ocio, etc… Como integrante do grupo de voluntariado, vin que se pode facer un traballo silencioso e anónimo pero importante.
Así funme dando conta de que cada vez estaba máis metido e interesado polos problemas que afectan á sociedade en xeral e a Arteixo, en particular. Tamén me fun dando de conta que a responsabilidade non soamente lle corresponde ás institucións do Estado, senón que, cada un de nós, debemos exercer os nosos deberes e dereitos sociais, e non soamente sementar a crítica incoherente. Tamén me fun dando conta de que vivía nun total escepticismo fronte ó quefacer político do meu Concello…que estaba sendo sometido a unha propaganda “popular” que me dicía “non se trata de política senón de ti”, cando eu penso que cando se fala de nós estamos falando de política. Entón decidín asumir o reto de contribuír a ese cambio social que buscamos “case todos” e asumir unha mentalidade emprendedora, con ideas de cambio e comprometido co meu concello: decidín meterme de cheo nun novo mundo, no mundo da política.

Despois desta decisión había que valorar por cal dos diferentes grupos políticos me ía inclinar. NUNCA podería pertencer a un partido no que primaran os intereses creados e os aliñamentos ideolóxicos que limitan a capacidade das persoas de propoñer libremente as súas ideas e contribuír á solución dos problemas, O QUE EU BUSCABA era un partido político con un proxecto de renovación desta realidade que non nos gusta, que traballa polo concreto, no cotiá, no local, no cercano, no día a día e que xera novas respostas a retos diferentes…esa era a miña realidade, iso era o que eu buscaba, iso era TERRA GALEGA, o meu partido, xa o tiña claro.

E agora, a piques de iniciar a miña andadura política, chego con ganas de loitar e de abrir novas formas de participación sociopolítica, con ganas de asumir responsabilidades e de aprender, de enfrontarme á nova realidade que me agarda de agora en diante. Acabo de empezar e xa me atrevo a lanzar a miña primeira mensaxe aos que sodes xóvenes coma min: “non nos creamos impotentes, indefensos, indiferentes, illados, consumidores consumados, xóvenes sen futuro e sen proxecto, egoístas ou sen valores. Somos o futuro da sociedade e do mundo. Asumamos o reto de loitar por un mundo mellor, busquemos o noso lugar dentro del…Podemos comezar o 27 de maio acudindo a exercer o noso dereito a votar, como un compromiso persoal. Deste xeito, a xuventude deste concello, estaremos avogando e loitando por un Arteixo mellor ou polo menos distinto, renovado dende o diferente xeito de ver as cousas que temos a xente moza. Poderemos demostrar que non vivimos sen ideas ou despreocupadamente, que temos moitas cousas que dicir e que facer…

A política e a xuventude non son, nos últimos tempos, excelentes amigos de viaxe. Existe unha parte desta xuventude que deposita nas urnas un voto ideolóxico e argumentado, froito dunha reflexión baseada nun amplo abano de información. Pra eles un “10”.

Outra parte da xuventude acude ás urnas a votar polo simple feito de depositar o voto e cumprir “cun dereito que todo cidadán debe por en práctica”. Pero á hora de decantarse por unha opción política ou por outra, a súa decisión é tomada mediante o “efecto da inercia”: Segundo estea a situación política votan a “A” ou votan a “B” pero teñen claro que a “C” non lle van a votar porque certo efecto mediático o critica e eles, aínda que non saben moito de política saben que a ese non lle van a prestar a súa confianza.

E para rematar, que por desgraza ocupa case a metade de nós, é a porcentaxe de xóvenes que se absteñen de acudir a votar. Uns desencantados, outros porque “pasan”, outros porque non saben nin de qué vai o tema…

Ante semellante situación só podo dicir que só a xuventude podemos tomar o testigo, somos o futuro, debemos selo e responsabilizarnos do mesmo, debemos cometer os nosos propios erros e loitar polos nosos ideais, con memoria histórica e agradecementos pero tamén con renovación e loita, con enerxía e de xeito diferente a como se viña facendo ata este momento. E un bo xeito de comezar, repito unha vez máis, é acudindo a votar o vindeiro 27 de maio, por aquel partido político que mellor represente os teus ideais, as túas necesidades, o teu futuro…

O 27 de maio, faite valer!!

"Un futuro digno para o noso sector lácteo" por Bruno González e Xabier Grandío, das Mocidades de TEGA

Cando escribimos o presente artigo confírmanse os peores presaxios que sinalei hai 3 meses; o goberno ZP e a súa Ministra de Agricultura teñen practicamente rematado o proxecto de lei do Plan de Reestructuración Láctea que supón un freo ás posibilidades de crecemento deste sector estratéxico do noso país ao territorializar os cupos de produción e deixar unicamente un 20% de reserva nacional a distribuír en explotacións familiares.

Que os gobernos estatais do PSOE sempre se caracterizaron por frear as iniciativas empresariais que xurdían de Galicia de maneira endóxena é unha obviedade que non cómpre detallar unha vez máis. A novidade non é, pois, este novo atentado do goberno estatal contra os intereses dos nosos sectores produtivos senón que é ver a un Presidente da Xunta de Galiza defender dito plan contando coa anuencia (por omisión) dos conselleiros ¿nacionalistas? do BNG.

Un dos defectos dos políticos profesionais está en acomodarse a un cargo, un coche e despacho oficiais, un soldo de parlamentario, unhas dietas... e “descoidar” o motivo polo cal ocupan dito cargo; entendemos que a natureza humana é débil pero iso non é aceptable nos cargos públicos e menos no Presidente da Xunta que ocupa dito cargo porque os representantes do pobo galego o elixiron. En primeiro lugar, o señor Touriño debería saber que el, por riba da súa pertenza a un partido político estatal, é o Presidente da Xunta de Galicia e ten como mandato a defensa dos intereses dos cidadáns de Galiza e que, polo tanto, non pode actuar coma se fose un Delegado del Gobierno xustificando as decisións políticas perxudiciais para Galicia, por moito que iso vaia en contra do seu partido político.

Capítulo aparte merecen os conselleiros do BNG. Eles apoiaron durante os anos 90 as concentracións de agricultores e gandeiros e sempre fixeron fincapé na defensa do sector lácteo galego. Eles, que durante máis de 10 anos encabezaron as manifestacións contra a supertaxa son agora incapaces de dar un puñazo enriba da mesa nun asunto tan trascendental para o futuro de milleiros de familias. Eles, que dende o ano 1993 consideraron que eran os ÚNICOS, VERDADEIROS E PUROS nacionalistas que había en Galiza, traizoan uns principios con tal de continuar nas súas consellarías.

A aceptación de dito proxecto de lei que consiste en controlar dende os poderes públicos o reparto de cupos é unha mostra máis do talante sectario de ZP.O afán intervencionista do Goberno Central non busca outra cousa máis que manter os métodos clientelares que caracterizaron aos 15 anos de goberno de Manuel Fraga na Xunta de Galiza, só que agora ese clientelismo será ademais controlado dende Madrid a partir do reparto do Fondo de Reserva Nacional; ¡Esta é a España Plural que Zapatero di querer acadar! Esta é a tolerancia e o progreso socialistas nos que, coma sempre, Galiza é moeda de cambio. O actual deseño do proxecto de lei permitirá unha distribución en base a criterios arbitrarios dos excedentes de cota, consagrando así un sistema, sutil pero efectivo, de control político das pequenas explotacións gandeiras que en Galiza son a inmensa maioría; cómpre non esquecer que Galiza representa o 50% da poboación activa ocupada no sector lácteo no conxunto do Estado.

Dende Terra Galega insistimos en apoiar unha política baseada no respecto ao dereito a producir dos nosos gandeiros. Apoiamos que sexan os produtores os que intercambien libremente e sen ningún tipo de impedimento os seus dereitos de produción posto que nun mercado case totalmente homoxéneo como é o do leite o funcionamento da oferta e da demanda asigna eficazmente os recursos dispoñibles. En consecuencia, Terra Galega volve demandar a retirada do actual proxecto do Plan de Reestructuración del sector lácteo e a súa renegociación dende o punto de partida