Mostrar mensagens com a etiqueta Informes. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Informes. Mostrar todas as mensagens

Galicia está á cola de Europa na cifra de alumnos que optan pola Formación Profesional

Un maior investimento tecnolóxico e a implicación das empresas son as claves do éxito noutros países. No tren europeo da formación profesional, Galicia viaxa no vagón de cola. Só o 35,7% dos galegos que terminan a educación secundaria obrigatoria elixen estes ciclos formativos. Con todo, en países como Holanda, Bélxica, República Checa e Gran Bretaña, esta opción é a maioritaria, seleccionada por máis do 65% do alumnado.

En países como Alemaña ou Austria, o contacto dos alumnos cos centros de traballo iníciase moito antes que en Galicia e alárgase máis no tempo. Ata, as empresas elaboran os seus propios plans formativos para futuros traballadores, o que lles permite adaptar a preparación ás súas propias necesidades e características. Coñécese como sistema dual.

A denominada fuga de cerebros protagonizada por estudantes universitarios que buscan noutros países unha saída laboral non se produce na FP, segundo os datos da Consellería de Educación. O 97% dos titulados en ciclos atopan un traballo na comunidade galega.

Os ciclos que rexistran unha maior taxa de ocupación son Fabricación mecánica (81,3%); Mantemento de vehículos autopropulsados (80%); Mantemento e servizos de produción (78,8%); e Madeira e moble (78,1%).

As saídas laborais son máis escasas en Comunicación, imaxe e son (50,9%); Sanidade (53,7%); Informática (54,5%); e Actividades físicas e deportivas (54,5%).

Os ciclos de grao superior son unha vía de acceso directa á Universidade. Isto provoca que o 64% dos titulados neste nivel académico cursen a continuación unha carreira. É diferente no caso das titulacións medias, xa que non son unha ponte para a Universidade. O que si é frecuente é que os estudantes dun ciclo medio complementen a súa formación con outros da mesma ou de diferente rama profesional.

A nosa terra, presente nunha colección de selos sobre "nacións celtas" editada polo goberno da Illa de Man

O goberno da Illa de Man, coincidindo coa celebración do seu Festival Intercéltico, ven de editar unha colección de selos postais na que cada nación celta ten o seu propio selo. Son oito estampas que inclúen as bandeiras de Galicia, Man, Irlanda, Escocia, Gales, Bretaña, Cornualles e Asturias. Ademais diso cada selo inclúe unha frase na lingua propia de cada país. No caso do selo adicado á nosa terra o lema escollido é a famosa sentenza de Castelo no seu libro "Sempre en Galiza": "Un povo, unha terra e unha fala". O selo da Illa de Man leva impreso o lema "Gyn chengey, gyn cheer", que en galego significa: "Sen lingua non hai país". Desde as Mocidades de TEGA queremos expresar a nosa máis sincera gratitude ao goberno da Illa de Man por este recoñecemento cara á nosa terra. Os selos sobre as nacións celtas poden mercarse na propia web do executivo da illa

Ningunha universidade galega supera o 20 por cento da docencia en lingua galega, segundo denuncia A Mesa

A asociación esixe que os profesores universitarios coñezan o idioma propio para garantir os dereitos dos alumnos. Ningunha universidade galega supera o 20 por cento da docencia en lingua galega, segundo denunciou A Mesa pola Normalización Lingüística, que asegurou que só a Universidade de Santiago de Compostela chega a esta porcentaxe, mentres que a de Vigo dá un 16 por cento das clases a lingua propia e a da Coruña a penas alcanza o 10 por cento.
En rolda de prensa, o presidente desta asociación, Carlos Callón, e o responsable da Mocidade pola Normalización Lingüística, Fran Rei, deron a coñecer na Coruña o informe que están a levar a cabo sobre o cumprimento dos dereitos lingüísticos no ensino.

Concretamente, xa denunciaron noutras ocasións o incumprimento do decreto do galego na educación obrigatoria, que obriga a, polo menos, impartir un 50 por cento das materias na lingua propia. Ao respecto, reclamaron a Educación "máis inspección" da aplicación da normativa xa que a asociación detectou "casos graves" de incumprimento, como o dunha profesora que traducía os apuntamentos do galego ao castelán en materias obrigatorias na lingua propia.

Nesta ocasión, A Mesa lamentou que "moitos alumnos" poidan empezar e rematar unha carreira "sen escoitar unha palabra de galego", o cal vén dado por que o profesorado "non ten a obriga de coñecer a lingua propia". "Moitos (alumnos) teñen que renunciar ao idioma para non ter problemas coa avaliación", reprobou Callón.

Deste modo, a asociación reclamou "medidas urxentes" para o cumprimento da Carta Europea das Linguas Minoritarias e Rexionais (Celmr), en virtude da cal pide que se estableza "un plan de formación lingüístico" para os docentes e que se garanta os materiais pedagóxicos en galego para todas as etapas educativas, algunhas delas con "especiais carencias" como educación infantil, o primeiro ciclo de primaria ou os ciclos formativos.

Recordou que "apenas" existen libros en galego para a Formación Profesional que, pola contra, debe impartir un 50 por cento do ensino na lingua propia, o que aboca ao "incumprimento masivo" do decreto do ensino.

MANIFESTACIÓN.
Por outra banda, Carlos Callón insistiu en que o Observatorio de Dereitos Lingüísticos constatou que o Estado español segue incumprindo a Celmr, pese que o Goberno acolleu só a "parte máis baixa da aplicación da carta".

Ante esta situación, A Mesa volveu a convocar á cidadanía para o próximo 18 de maio que, con motivo do Día dás Letras Galegas (que se festexa o día antes), celebrará esta asociación baixo o lema 'Polo dereito a vivirmos' en galego'.

Galicia, entre as autonomías do Estado menos respectuosas co medio ambiente

Segundo o estudo “Sustentabilidade en España 2006”, elaborado polo Observatorio da Sustentabilidade en España, a nosa terra avanza moi lentamente cara a un desenvolvemento sostible. Dita análise trata diferentes variables e indicadores entre o período 1990-2004. Na maior parte deles a nosa terra sae moi mal parada.
Así, no que se refire á contaminación atmosférica, Galicia lidera a emisión de dióxido de xofre en España cun 30% do total debido fundamentalmente ás tres centrais térmicas emprazadas no noso territorio (Meirama, As Pontes, Sabón).

En canto as emisións de óxido de nitróxeno é a cuarta máis contaminante.

No que respecta ao apartado de biodiversidade Galicia é, xunto con Murcia e Castela e León, a comunidade con maior proporción de mamíferos en perigo de extinción: cerca do 15%.

No que se refire ao apartado de incendios,a nosa terra foi a autonomía con maior superficie queimada polos incendios no período 1968-2004, tanto en valor absoluto (42.465 hectáreas de media anual) como en porcentaxe de superficie queimada do propio territorio (1,4% cada ano). Con todo, en superficie arbórea queimada hai outras catro comunidades por diante.

En canto á utilización e consumo da auga, o incremento no consumo nos fogares galegos entre 1996 e 2003 foi do 33%, ata superar os 140 litros por habitante e día (segundo Nacións Unidas, para levar unha vida digna só fan falta 60 litros ao día). Á súa vez, as perdas nas redes de distribución aumentaron ata o 20% de toda o auga distribuída entre 1996 e o 2003.

Finalmente, no que se refire á depuración de augas residuais Galicia é ,despois de Asturias, a comunidade que máis incumpre a directiva europea no tocante a este tema.

A mocidade galega, moi lonxe de ser «mileurista»

O salario medio dos asalariados de entre 16 e 29 anos non chega aos 840 €. Segundo o "Observatorio Novo de Emprego" do Consello da Xuventude de España, a media salarial que perciben os traballadores galegos menores de 30 anos é de case 150 € por debaixo dos seus homólogos españois. Ademais, as mulleres desta franxa de idade cobran un 17% menos que os homes.

Ser "mileurista" hoxe en día para un rapaz galego máis que unha maldición é unha aspiración que nin tan sequera alcanzan os rapaces de entre 25 e 29 anos. Así, o salario medio dos 258.252 galegos ocupados que se encontran na franxa de idade de entre 16 e 29 anos ascende a un total de 839,44 euros, cifra moi inferior a dos 988 € de media que reciben os seus compañeiros en todo o Estado.

Se no conxunto de España o termo empregado para definir aos traballadores máis novos, "mileuristas", achégase bastante á realidade, en Galicia desafortunadamente quédase moi lonxe desta. Se cadra a mellor maneira de definir aos nosos asalariados máis novos sería o de "pseudomileuristas", xa que son máis de 160 euros os que os separan desa cifra. Semellante problema non o teñen noutras comunidades como Euskadi e Madrid, xa que alí os rapaces reciben un salario medio de 1.121 e 1.228 euros ao mes, respectivamente.

Pero se xa entre os diferentes territorios a desigualdade é dabondo considerable, esta acentúase aínda máis se nos fixamos no xénero ou no tramo de idade onde se encontra situado o novo asalariado. Así, unha rapaza galega cobra unha media de 754 euros fronte os 907 que perciben de promedio os varóns, un 17% menos.

Pero aínda é máis dramática a situación dos rapaces e rapazas de entre 16 e 19 anos ao cobrar estes soamente 676 e 497 euros respectivamente, recibindo estas últimas un soldo inferior ao salario mínimo interprofesional, que é de 571 €.

Tamén as mulleres están en desventaxa con respecto aos varóns no que respecta á taxa de actividade, xa que mentres que o paro masculino é dun 9,9%, o feminino ascende ao 18,3%, desempeñando ademais un 10,6% delas un traballo que require unha cualificación moi inferior á que teñen, fronte a só un 2,6% de sobrecualificación no caso dos varóns.

Por sectores, malia que a actividade predominante entre a mocidade galega é o sector servizos, cun 56,2% dos rapaces ocupados (145.091 en total), esta é moi inferior á taxa española que é dun 63,5%. Pola contra, Galicia despunta en ocupados nas actividades industriais, chegando a un 22,8% de traballadores neste tramo de idade (preto de 59.000), e na construción, cun 17,1%(máis de 44.000 novos traballadores). Finalmente o sector primario ocupa tan só a menos dun 4% do total dos rapaces.

"Adeus á Galicia labrega e mariñeira", por Óscar Barral, Mocidades de TEGA

O sector primario galego pasa a ocupar a menos do 9% da poboación ocupada frente ao 43% de hai só vinte anos. Galicia perdeu a máis das tres cuartas partes dos seus labregos e mariñeiros nestas últimas dúas décadas. Hoxe en día o 40% dos nosos mariñeiros son peruanos, ecuatorianos ou subsaharianos. Os popularmente coñecidos como “desertores do arado” multiplícanse por todo o país mentres este ve como co paso dos anos foi perdendo un dos seus maiores sinais de identidade.

O tópico do país do millón de vacas ou o dunha sociedade que vivía dos traballos asociados ao campo e o mar viuse abaixo co paso destes últimos anos. Lonxe queda xa a imaxe da Galicia labrega e mariñeira, correndo esta o risco de ficar soamente no noso recordatorio colectivo. A nosa terra sufriu unha mutación brutal en só vinte anos. Así, nestas últimas dúas décadas o sector primario pasou de ser o esmagadoramente maioritario a representar só unha mínima parte dos traballadores do país.

As causas da desfeita.

A mala negociación do Tratado de Adhesión á daquela chamada CEE, no que a nosa terra volveu a actuar como moeda de cambio, e a aplicación posterior da Política Agraria Común (PAC), deseñada para unha agricultura xa desenvolvida como era a dos países comunitarios, acabou por esmagar a nosa agricultura que, se ben é certo que estaba pasando por serios problemas estruturais, non menos certo é que estaba acometendo un nada desprezable proceso de modernización desde os anos sesenta. A estes feitos negativos para o agro galego hailles que sumar á incompetencia e insolidariedade do goberno autonómico, que simplemente se limitou a aplicar as directrices comunitarias: cotas lácteas, forestación de terras agrarias con especies de rápido crecemento ou programas de abandono de actividade.

Fronte ao tópico da agricultura subvencionada, hai que dicir que ao longo de todos estes anos a agricultura e gandería galegas recibiron un escaso volume de axudas. Proba disto é o feito de que na década dos 90 as subvencións representaban o 28% da renda comunitaria e tamén da española; en cambio, en Galicia estas a penas representaban o 7% da renda agraria.

Unha metamorfose sen parangón en toda Europa

Esta evolución negativa, acelerada coa entrada no Mercado Común, cambiou totalmente o peso deste sector no conxunto da economía galega así como na estrutura do emprego.
Así, a mediados da década dos 60 representaba máis dun 20% do PIB galego e un 60% do emprego con máis de 750.000 traballadores. En 1975 o agro e o mar aínda supoñían máis dun 50% dos empregos do país.

Unha década despois, en 1986 esta cifra baixaba ao 43% do emprego total. Daquela, máis de 450.000 persoas vivían das actividades asociadas a este sector, que representaba o 12% da riqueza global galega.

A partir de aquí, o proceso destrutivo acelérase aínda máis ata hoxe, ficando pouco máis de 100.000 galegos neste sector, pasando a ocupar a menos dun 9% da poboación activa, e representando só o 5,3% do PIB galego.

É dicir, que nos últimos corenta anos perdemos máis de 600.000 empregos primarios, e nas últimas dúas décadas case 350.000. Unha verdadeira barbaridade para un país que non chega aos tres millóns de habitantes.

Nos últimos anos a perda de traballadores viuse acompañada dunha drástica redución do número de explotacións agrogandeiras. Máis de dous terzos das que había hai unha década pecharon, pasando de 99.322 no ano 95 a só 32.000 en 2006.

Mesma sorte correu o sector pesqueiro, xa que nos últimos 15 anos viu reducido a case á metade o número de persoas que viven del. Se daquela máis de 50.000 galegos vivían das actividades produtivas vinculadas coa pesca e o marisqueo, hoxe esta cifra viuse reducida a 28.000 traballadores.

Estas arrepiantes cifras falan por si soas, deixando en evidencia a brutal transformación que padeceu a sociedade galega, sen comparación posible no contexto europeo. Así, mentres que, por exemplo en Francia, o sector primario tardou máis dun século en pasar do 42% ao 4% actual de ocupados, aquí, esa mesma evolución tivémola que facer en só dúas décadas.

Serva esta comparanza para deixar constancia da brutal metamorfose que padeceu a nosa terra nestes anos e da que, curiosamente, moi poucos falan.

Metamorfose que puido ter sido traumática ao coincidir no tempo coa perda de emprego industrial que sufriu Galicia desde os anos oitenta ata mediados dos 90. Afortunadamente, a xeneralización das xubilacións e das pensións por enfermidade a través da Seguridade Social desde 1980 neutralizaron esa posible desfeita.

Destrución en vez de transformación.



Aínda que é ben certo que a diminución da poboación labrega e mariñeira é unha tendencia lóxica, case evolutiva desde a Revolución Industrial de toda sociedade que aspira a modernizarse, e aínda que tamén é certo que o feito de ter a case o 43% da poboación vivindo do mar e do campo é máis ben propio dun país terceiromundista, o que si que tamén está claro é a irresponsabilidade e a falta de previsión coas que este cambio se fixo en Galicia, provocando unha mutación brutal na súa sociedade. Mutación que o paso do tempo nos dirá se traerá consigo graves efectos prexudiciais ou non.

Ningunha persoa cun mínimo de sentido común pode negar que hai vinte ou trinta anos era necesaria unha forte diminución do peso do emprego agrario en Galicia, sector que ademais tiña unha produtividade por traballador moi baixa debido fundamentalmente ao pequeno tamaño das súas explotacións. O problema é que esa transformación da que falamos non consistiu nunha reconversión ou evolución harmónica cara unha sociedade terciaria e industrial. Simplemente baseouse na destrución e desmantelamento dos nosos activos agrogandeiros. O agro galego foi vítima de políticas esnaquizadoras que tiñan coma único obxectivo a súa defunción. Neste xenocidio nada disimulado a Comunidade Europea actuou de dedo acusador, o Estado interpretou o papel de executor e a Xunta acabaría actuando coma cómplice.

Pero o máis grave e indignante é que esta perda de empregos viuse ademais acompañada dunha forte baixada do PIB agrario. Tras a perda de milleiros de postos de traballo e a concentración das explotacións agrogandeiras nun número menor de mans, o lóxico tería sido que esta baixada se vise compensada por un gran aumento da produtividade. Pero tal cousa non aconteceu. Máis ben o efecto foi o contrario. Boa proba é a baixada do PIB agrario en máis dun 15% entre os anos 86 e 96.

Se pretendemos aumentar a produtividade por traballador, de pouco serve que descenda o número de empregos agrarios se este descenso vai acompañado dunha baixada da riqueza total producida.

Así, aínda hoxe en día un traballador galego da construción, da industria ou do comercio xera o dobre de riqueza media que un labrego ou mariñeiro (18.000 € anuais fronte a 9.400 €). Todo isto ven dado como consecuencia de que en ningún momento se apostou por unha verdadeira transformación do sector que fomentase o peche dos ciclos produtivos, promovendo deste xeito actividades que xerasen un maior valor engadido e que deixasen no país maior riqueza e postos de traballo máis cualificados e por tanto máis produtivos e mellor remunerados.

Do mesmo xeito, en ningún momento se fomentou a agroindustria. Lonxe disto, parte da creada nos anos sesenta desmantelouse ou acabou en mans alleas. A maioría das factorías leiteiras do país acabaron sendo adquiridas por compañías foráneas e a nosa terra pasou a ser unha mera produtora de leite líquido deixando de lado a elaboración de produtos e derivados lácteos, que é o que deixa máis cartos e o que xera un maior número de empregos cualificados.

Da mesma maneira no sector madeireiro acontece unha situación semellante, xa que aquí producimos case o 50% da madeira do Estado, pero só fabricamos o 5% dos mobles, deixando ese vantaxoso negocio a cataláns e valencianos.

A solución pasa por innovar.

Precisamente un dos principais remedios para pór fin a esta crise pasa por pechar os ciclos produtivos, levando a cabo tamén as actividades que implican a xeración de maior valor engadido no produto final. Isto, acompañado dunha forte aposta pola calidade, a innovación e a diferenciación dos nosos produtos mediante o fomento e a modernización continua da nosa agroindustria sería a mellor receita para aumentar a produtividade do noso sector primario e convertelo desta maneira nun sector atractivo e competitivo.

A aposta pola diversificación e a implantación de novas actividades como por exemplo a floricultura, a produción de enerxía a partir da biomasa, o aproveitamento de certos cultivos para a produción de biocombustibles ou a acuicultura tamén terán moito que dicir no futuro.

Finalmente, outro factor moi importante a ter en conta é o da dignificación de todo este tipo de actividades. Por norma xeral, estes traballos levan asociados un forte esforzo físico que os fan sacrificados e, polo tanto, pouco atractivos para as novas xeracións que os consideran moi escravos.

A isto haille que sumar o feito de que este tipo de actividades van moito máis aló das oito horas de xornada laboral e dos cinco días laborables.

Por iso deberíase impulsar a creación de empresas de servizos que ofrezan persoal cualificado que poida substituír puntualmente aos propietarios de explotacións agrogandeiras para que, desta maneira estes poidan gozar de tempo libre.

E é que as vacas non saben de horarios, nin de vacacións, nin de tempo para o lecer.

"Oito puntualizacións sobre os Presupostos Xerais do Estado en Galicia para o exercicio 2007-08", por Óscar Barral

1º. O importante non é a contía do que o Estado afirma que vai a investir en Galicia, senón a cantidade que logo vai executar.

As inversións asignadas para a nosa terra no exercicio 2005/06 rozaron os 1.500 millóns de euros, pero destes só se chegaron a executar 1.070 millóns. É dicir, que case 430 millóns dos inicialmente asignados a Galicia acabaríanse destinando a outros lugares ou ben se redistribuirían de novo nos orzamentos do seguinte exercicio. Isto representa máis dun 28% do inicialmente presupostado.

Do mesmo xeito, nos cursos 2004/05 e 2003/04 foron 239 e 94 millóns de euros, respectivamente, os que inicialmente se presupostaran para Galicia e logo non se chegaron a executar. É dicir, que entre o 2003 e o 2006 foron máis de 750 millóns de euros que nun principio se asegurou que ían ser investidos en Galicia, pero máis tarde se acabarían perdendo polo camiño.

Curiosamente, a medida que aumenta a cantidade presupostada para a nosa terra, esta incúmprese máis.


2º As enganosas cifras dos cartos destinados a Galicia.

No que respecta ao total do investido polo Estado en Galicia, hai que dicir que no pasado 2006 o goberno de Zapatero asignou a nosa terra actuacións por un valor de 1495 millóns de euros, cifra en principio positiva se temos en conta que representaba un 7,6% do total (a poboación galega representa o 6,1% do Estado).

Así e todo, se nos fixamos no que despois se acabou executando, poderemos observar como o realmente investido en Galicia baixou a un 5,92% do total español.

Do mesmo xeito, para o 2005, o ministro Solbes afirmaba que á nosa terra se lle adxudicaría o 7,2% do total estatal, e tras comprobar o total executado nese exercicio vemos como o esforzo inversor en Galicia realmente foi dun 5,3%.

Tamén no 2004, nun principio a cifra asignada para Galicia representaba un 6% do total, para logo realmente acabar baixando a só un 4,6%.

Agora, para este curso que comeza, o goberno central afirma que vai asignar a Galicia o 8% do total presupostado. Vistos os precedentes, todo fai indicar que esta “promesa” vaise a volver incumprir de novo.

3º Un trato discriminatorio

Tras o acordo logrado entre os gobernos central e catalán e, segundo o que contempla o Estatut, a cifra presupostada para Cataluña deberá de ser dun 18,8% durante os vindeiros sete anos, o equivalente ao PIB de Cataluña sobre o total de España. Ata aquí correcto.

Pero ademais, no caso de que o Estado non acabe executando todo o presupostado para esta autonomía, a diferenza seralle entregada ao Govern catalán para que sexa este o que os invista coma lle pareza.

Esta situación non se dá no caso de Galicia, quedando deste xeito discriminada. No caso de ter recibido ese mesmo trato, entre os anos 2003 e 2006 o Estado lle debería de ter entregado á Xunta de Galicia máis de 750 millóns de euros que inicialmente se nos asignaron pero que logo non se chegaron a executar.


4º. Dos 1.942 millóns de euros presupostados inicialmente en Galicia, case un terzo son para as obras do AVE

Cando desde Madrid sosteñen que o investimento presupostado en Galicia aumentou considerablemente, non din que este está inflado, xa que máis dun 30% corresponden as obras do tren de alta velocidade. Tren que noutras comunidades xa está moi avanzado ou mesmo a piques de rematar (dentro de tres meses inauguraranse os AVE Madrid - Barcelona, Madrid - Valladolid e Córdoba – Málaga). Mentres, aquí teremos que esperar, no mellor dos casos, ao 2012.

A todo isto haille que sumar o feito de que nos orzamentos do Estado consideran como galegas as obras do tramo do tren de alta velocidade entre Lubián e Zamora, cando realmente non é así, asignándonos nas nosas contas 150 millóns de euros que non nos corresponden.


5º. Partidas simbólicas para obras básicas.

Do mesmo xeito, os PGE en Galicia ralentizan moitas actuacións básicas, mesmo vitais, para a nosa terra.

Así, en Ferrolterra, os orzamentos desenténdense por completo dos accesos ferroviarios ao novo porto exterior e fan un investimento ridículo para o AVE Ferrol – A Coruña.

Similar tratamento recibe o proxecto de tren de alta velocidade en Lugo, cidade que ademais ve como a autovía que nun futuro a deberá de conectar con Santiago recibe un escaso impulso inversor.

Outras autovías tamén fundamentais para a vertebración do país como a A-76 (Ourense-Monforte-Ponferrada) , a autovía Vigo–O Porriño e Vigo-Pontevedra, tamén se ven paralizadas cos presupostos deste ano.

Da mesma maneira, vías de carácter urbano, moi necesarias para arranxar os problemas de tráfico nas nosas urbes, reciben un investimento simbólico. Exemplos concretos son a circunvalación norte en Ourense, a circunvalación interior en Pontevedra e a Terceira Ronda na Coruña, da que só se presupostou o 15% do seu custo total.

Tampouco recibiron un tratamento xusto a ampliación dos aeroportos de Peinador e Alvedro, tendo este último que resignarse a seguir sendo a segunda pista máis curta de toda España.

6º. A T-4 levou máis cartos que Galicia nos últimos oito anos.


As veces, a mellor maneira de saber a situación na que nos encontramos é tomando referencias respecto dos que nos rodean.

Un exemplo moi esclarecedor do tratamento que Galicia leva recibindo ao longo de todos estes anos é o feito de que a ampliación do aeroporto de Barajas (popularmente coñecida coma T-4) levou máis cartos que a suma de todo o executado polo Estado en Galicia ao longo destes últimos oito anos. Hai que lembrar que a faraónica obra do aeródromo madrileño tivo un custo superior ao billón de pesetas, concretamente 6.185 millóns de euros.

É dicir, que para o goberno central prima máis a ampliación dun aeroporto que todas as actuacións que hai que facer ao longo de oito anos nunha comunidade de case tres millóns de habitantes.

7º. O lamentable espectáculo de socialistas e populares.

Pero se xa é indignante dabondo o tratamento que a nosa terra recibe por parte do Estado, non menos lamentable é o comportamento do PSOE e do PP galegos ante este.

Todos os anos a sociedade galega ten que contemplar o triste espectáculo que estes dan ante o anuncio dos PGE.

Cando o seu partido é o que goberna en Madrid, vemos como aplauden, defenden e mesmo xustifican sumisa e docilmente aos seus dirixentes madrileños.

Pola contra, cando están na oposición fan demagoxia barata caendo na hipocrisía e no máis duro cinismo.

Habería que lembrarlle aos socialistas que por culpa dos presupostos dos gobernos de González as autovías que nos deberían de conectar con Europa a coa meseta acabaron chegando á nosa terra con máis de dez anos de retraso con respecto a maioría das outras autonomías.

O mesmo se lles podería achacar aos populares, xa que se resulta que no mellor dos casos o AVE chegará a Galicia en 2012, será fundamentalmente pola súa culpa, xa que foi nos presupostos dos oito anos de gobernos de Aznar onde se marxinou á nosa terra neste concepto.

Isto demostra, que tanto para o PP coma para o PSOE galegos son máis importantes os ditados que dende a capital do reino lles mandan os seus superiores que a defensa dos intereses dos galegos e galegas, deixando en evidencia que moitas veces non son máis que meras sucursais en Galicia dunha sede social domiciliada en Madrid.


8º. Ante o abandono, traspaso de competencias.

Os galegos e galegas probablemente deberiámonos preguntar se realmente é útil lamentarnos e chorar continuamente ao Estado porque este non inviste o suficiente nas infraestruturas galegas que son da súa competencia.

Se cadra o máis práctico e rendible sería ter loitado para que traspasase ditas competencias ao goberno autonómico e, desta maneira, poder xestionalas nós desde aquí. Tería sido o máis lóxico.

Galicia segue a perder xente nova

A fuga de cerebros e a busca de mellores expectativas explican esta caída. No último ano a nosa terra perdeu 12.000 rapaces de entre 20 e 30 anos

Mentres a poboación galega aumenta na franxa de idade ubicada entre os 30 e os 55 anos, non se pode dicir o mesmo na comprendida entre os 20 e os 30. Entre o pasado 1 de xullo e a mesma data do 2006, os integrantes desa xeración reducíronse na nosa terra en 11.985 persoas, segundo as estimacións realizadas polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

O descenso apóiase, fundamentalmente, en tres factores: a fuga de cerebros, a emigración interior e a realización de estudos universitarios ou de posgrado no estranxeiro.
Entre os 20 e os 24 anos, idades nas que a falta de saídas profesionais empuxa a moitos recen licenciados a continuar a súa formación no estranxeiro ou noutras autonomías cunha maior oferta educativa, o descenso foi de 7.592 persoas.

A baixada descende ata as 4.393 persoas no tramo comprendido entre os 25 e 29 anos. Aí poden contabilizarse, por exemplo, os mozos que se desprazan a Canarias para traballar na construción ou a Baleares para ocupar diferentes postos no sector hosteleiro.

Máis nenos que hai un ano.
Pero a proxeción realizada polo INE tamén é negativa entre os dez e os dezanove anos (6.373 habitantes menos), coincidindo coa época na que Galicia acadou a taxa de natalidade máis baixa da súa historia. Non obstante, as estimacións amosan como as políticas de incremento poboacional iniciadas hai unha década parecen ter surtido efecto. Os datos indican que este ano hai en Galicia 3.575 nenos menores de dez anos máis que hai doce meses. O aumento acentúase entre os que teñen unha idade inferior aos catro anos, que medraron en 1.913. Ésta última cifra ven derivada en parte tamén pola entrada de inmigrantes rexistrada nos últimos anos e que teñen fillos en Galicia.

Por outra parte, a influencia dos emigrantes retornados, sobre todo os procedentes de estados europeos como Suiza e que abandoaron Galicia nos anos sesenta, obsérvase nos incrementos rexistrados entre os 60 e os 64 anos, tramo no que a poboación medrou en pouco máis de 3.800 persoas.