Mostrar mensagens com a etiqueta Comunicados. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Comunicados. Mostrar todas as mensagens

As Mocidades de Terra Galega e TEGA-Trasancos piden á Xunta que implante na comarca os estudos de Enxeñería Aeronáutica

Tanto a agrupación comarcal de TEGA en Ferrolterra como as xuventudes de Terra Galega pedimos á consellería de educación e ordenación universitaria da Xunta de Galicia que impulse a creación dos estudos de enxeñería aeronáutica na nosa bisbarra. Os motivos polos que realizamos esta proposta son varios:

1.- Porque a creación destes estudos viría a axudar a completar o mapa de titulacións universitarias de Galicia, xa que esta carreira non está implantada na nosa terra. É dicir, non soamente non se solaparía coas demais universidades do país senón que ademais sería unha nova oferta académica para os estudantes galegos.

2.- Porque contribuiría a que a maioría dos nosos estudantes que, recen saídos da Secundaria e desexen optar por esta carreira, non teñan que marchar a Madrid ou a outros lugares do Estado (Terrasa, León, Valencia ou Sevilla) para cursala.

3.- Porque se trata dunha titulación con moitísimas saídas profesionais que mesmo van máis aló da industria aeronáutica. Son moitos os enxeñeiros aeronáuticos que traballan no sector da automoción, o enerxético ou o electrónico, entre outros campos, debido a que estamos falando dunha enxeñería moi versátil.

4.- Porque consideramos que Ferrol é un lugar idóneo para a implantación destes estudos debido a que se poden aproveitar moitos dos recursos académicos xa existentes, tanto materiais como humanos. Nos campus desta cidade impártense, a día de hoxe, os estudos de dúas enxeñerías superiores (industrial e naval) e cinco técnicas (electrónica, electricidade, deseño industrial, propulsión e estruturas). Da mesma maneira na nosa área urbana tamén se encontran ata cinco departamentos universitarios de carácter técnico. Ademais, hai que ter en conta que na Politécnica Superior de Esteiro habería suficiente espazo para a implantación dunha nova enxeñería, polo que a creación desta nova carreira non implicaría a construción dunha nova escola universitaria, co aforro económico que isto suporía. Por todo isto consideramos que a posible implantación desta titulación sería moito menos custosa que en calquera outro lugar de Galicia xa que aquí se poderían aproveitar boa parte dos recursos actuais.

5.- Porque coa implantación desta titulación se consolidaría a especialización técnica dos campus da comarca, o que axudaría a converter a Ferrol na principal referencia académica en Galicia no que a estudos enxeñeriles se refire.

6.- Porque ademais contribuiría a incrementar a súa oferta académica e o seu número de estudantes. Non podemos obviar que Ferrolterra, terceira comarca máis poboada de Galicia, ten proporcionalmente unha oferta universitaria moi lonxe da que lle correspondería polo seu peso demográfico.

7.- Porque coa creación destes estudos estaríamos dando os primeiros pasos para a posible implantación en Galicia e, sobre todo, na Terra de Trasancos, da industria aeronáutica, xa que teríamos persoal humano cualificado para cubrir as necesidades dese sector. Aquí, ademais hai que ter en conta a potencial creación de sinerxias coas industria naval e enerxética da nosa bisbarra, adquirindo esta por tanto, un carácter aínda máis atractivo neste sentido desde o punto de vista empresarial e económico.

As Mocidades de TEGA denuncian que nos dous anos e medio de goberno PSOE-BNG, Galicia perdeu máis de 26.000 postos de traballo no sector primario

En só dous anos e medio o sector primario galego perdeu a case unha cuarta parte dos seus traballadores. Cando os socialistas e benegás chegaron ao goberno da Xunta o número de galegos que traballaban neste sector superaba os 123.000 traballadores. Dous anos e medio despois esta cifra viuse reducida aos 97.000. É a primeira vez na historia que o número de galegos que traballan no agro e no mar baixa dos 100.000 traballadores.
Neste curto período de tempo o sector primario perdeu case tres puntos porcentuais sobre o total de ocupados en Galicia, pasando do 11 ao 8% e situándose como o sector que menos emprego xera, sendo superado nestes anos polo sector da construción.

O significado destes datos son tan negativos que, de seguir con esta tendencia, as actividades produtivas en Galicia desaparecerían por completo en menos dunha década.
Se ben é certo que se trata dun problema estrutural herdado dos gobernos de Fraga e da ditadura franquista, non é menos certo que esta tendencia negativa, lonxe de desacelerarse mesmo se acentúa, perdendo a nosa terra unha media de 10.000 empregos por ano neste sector.

Desde as Mocidades de TEGA queremos deixar constancia de que, se estes datos nos parecen desoladores, máis decepcionante aínda nos parece o feito de que a consellería que ten máis responsabilidade neste respecto, a de Medio Rural, estea gobernada polo BNG, unha forza política que durante os seus máis de 20 anos na oposición empregou “a defensa dos sectores produtivos galegos” coma unha das súas maiores bandeiras e mesmo como un dos seus principais sinais de identidade e que, agora que está no poder, non é capaz de frear esta sangría.

Desde as Mocidades de TEGA consideramos que boa parte das políticas efectuadas polo BNG nesta consellería son pouco realistas e que non están a ser efectivas nin operativas, caendo moitas veces no puro efectismo e na mera propaganda.

Dende a formación xuvenil consideramos que se debe potenciar a calidade, a innovación e a diferenciación dos nosos produtos mediante o fomento e a modernización continua da nosa agroindustria pechando aquí os ciclos produtivos e apostando forte pola diversificación e a implantación de novas actividades como a floricultura,a agricultura ecolóxica, a produción de enerxía a partir da biomasa, o aproveitamento de certos cultivos para a produción de biocombustibles ou a acuicultura. Do mesmo xeito, desde TEGA tamén consideramos moi importante fomentar a dignificación social de todas estas actividades asociadas co mar e co agro.

Fonte datos táboa: IGE(Instituto Galego de Estatística)

Oito de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora

Comunicado das mulleres das Mocidades de TEGA ante a conmemoración desta data. Aínda que o avance da muller na sociedade semella imparable desde hai uns anos, o certo é que esta segue nun situación de forte desventaxa respecto da dos homes. Na nosa terra traballan 470.000 mulleres fronte a 630.000 homes, recibindo ademais a cambio un 30% de salario inferior por desempeñar o mesmo traballo. As tarefas domésticas séguenas realizando maioritariamente as mulleres e os roles sexistas continúan pesando coma unha lousa na nosa sociedade.


Nós, as mocidades de TERRA GALEGA, ante a celebración do día Internacional da Muller Traballadora queremos manifestar que:

1.- Aínda que as mulleres e a mocidade en xeral estamos máis cualificadas; formadas e con capacidades para acceder ao mercado de traballo atopámonos con diversas barreiras. Somos, a pesar da nosa valía, as protagonistas das listas do paro, de precariedade laboral, cos nosos contratos temporais e parciais, aceptando empregos de pouca cualificación e de baixos salarios e sendo en moitos casos vítimas de acoso laboral e sexual.

2.-Continúa pervivindo na sociedade en xeral, e polo tanto na conciencia de moitas mulleres, que nos debemos a un rol que de sempre nos foi inculcado de servidume, de sumisión, de servizo aos demais que logra que cando nos formamos e buscamos emprego o fagamos naquelas tarefas menos valoradas socialmente, ainda que seguramente son pouco valoradas porque nelas estamos as mulleres, polo que reivindicamos que as tarefas do coidado, do agarimo, do fogar teñen que ser compartidas e valoradas nun exercicio de corresponsabilidade entre ambolos dous sexos. Sabemos que os intentos de modificación dos roles familiares tradicionais corren o risco de provocar casos de violencia doméstica tanto psicolóxica como física, algo que dende todos os ámbitos da sociedade temos a obriga de combater para erradicar dunha vez esta forma de terrorismo que día a día trunca a vida de moitas mulleres en todo o mundo. A independencia económica, a autonomía persoal e unha maior conciencia social son elementos fundamentais para acabar cunha lacra que avergonza a todo unha sociedade do século XXI.

3.- Solidarizamosnos coas mulleres que están a ser inculpadas pola xustiza por ter exercido o dereito a decidir a interrupción do seu embarazo en clínicas privadas porque o Servizo Público de Saúde non está garantindo que se poida ejercer o dereito ao aborto gratuito.

Por todo isto reivindicamos :

- A creación de Xuntas de Arbitraxe contra discriminación laboral directa e indirecta.


- A concienciación dende a escola e dende a familia, mediante unha educación transversal que apareza recollida nas curriculas educativas para propiciar a igualdade, regularizando nos contidos do ensino obligatorio a educación para unha sexualidade en liberdade, contidos tendentes a mellorar a autoestima, a asertividade e o empoderamento das mulleres.

- Unha lei que garanta a interrupción voluntaria do embarazo para evitar a obxección de conciencia no servizo público de saude.

- A formación, información e sensibilización de todos/as os /as profesionais relacionados coa protección das mulleres con risco de violencia doméstica, para que sexan verdadeiros garantes de seguridade para as mesmas.

- O dereito a igualdade real de lesbianas e gais e a non imposición dun único modelo de familia.

Sabemos que hai moítisimo máis que reivindicar como mulleres, pero este 8 de marzo, queremos destacar estes puntos, coñecedoras de que a nosa loita afecta a todos os eidos da vida nos que queda moito por facer para acadar a mellora da situación social, laboral, cultural, política…das mulleres.

As Mocidades de TEGA condenan o atentado da banda terrorista ETA

Desde TEGA queremos mostrar a nosa máis enérxica repulsa contra o asasinato que custou a vida ao exconcelleiro socialista de Arrasate,Isaías Carrasco.

Terra Galega condena o atentado da banda terrorista ETA acontecido este mediodía no que faleceu, tras ser tiroteado, o militante socialista de Arrasate-Mondragón, Isaías Carrasco.

Do mesmo xeito, desde Terra Galega queremos dar o noso máis sentido pésame aos familiares, amigos e compañeiros deste exconcelleiro socialista.Finalmente desde a formación teguista queremos facer una chamada á unión e á cohesión de todos os demócratas galegos, vascos e españois ante este covarde atentado

Nós non cambiamos

Comunicado das Mocidades de Terra Galega en favor da manifestación no Vicedo, o día 17 de febreiro, a prol da construción da Autovía do Cantábrico pola costa de A Mariña, Ortegal e Ferrolterra .

Aló polo ano 2000 os alcaldes da bisbarra de Trasancos xunto con algún da Mariña decidiron mobilizarse ante a decisión arbitraria e inxusta de que a Autovía chamada Transcantábrica ao chegar a Galicia tiña que desviarse da súa rota a carón do mar para finalizar o seu percorrido na vila natal de D.Manuel Fraga e do Cardenal Rouco, aínda que isto supuxese condenar á marxinación e á miseria ás vilas costeiras do norte das provincias da Coruña e Lugo (Ferrolterra incluída). Porque por entón os alcaldes do PSOE e do BNG saían á rúa liderando pancartas e eslóganes como “Móvete pola traza costeira da Transcantábrica” ou “Infraestruturas e emprego para o noso futuro” mentres os do PP sempre fieis a Manuel Fraga ficaban calados nos seus despachos sabendo que co seu silencio estaban a vender aos veciños e veciñas dos seus concellos. Aquelas protestas non fixeron recuar aos gobernos populares de Santiago e Madrid e só conseguiron o compromiso dun corredor costeiro que unise a Mariña con Ferrol e coa Transcantábrica.

Oito anos despois aquela promesa do corredor costeiro quedou niso, nunha promesa que non ten visos de ser levada a cabo a curto-medio prazo, e velaí que agora son os alcaldes do PP os que saen á rúa para protestar por este incumprimento, mentres dende o PSOE no goberno do Estado e o BNG salvador da tristemente famosa Ministra de Fomento tachan a estes de “oportunistas”.

Dende as Mocidades de Terra Galega, da que formamos parte moitos dos que hai oito anos simpatizabamos con Unidade por Narón e con Xoán Gato, líder daquel movemento reivindicativo, queremos transmitir o noso apoio á manifestación do Vicedo do vindeiro domingo porque nós non cambiamos, e se no ano 2000 (algúns aínda sen idade para votar) apoiamos ás manifestacións a favor do trazado costeiro da Transcantábrica, hoxe vémonos na obriga de participar de calquera iniciativa na defensa da mellora das infraestructuras para o noso país. Se daquela nos manifestamos porque considerábamos que esa infraestrutura era básica para os 300.000 habitantes de Ferrolterra, Eume, Ortegal e A Mariña, pasados oito anos consideramos que aínda o é máis.

Dende as Mocidades de Terra Galega queremos deixar ben claro que apoiaremos todo tipo de manifestación democrática a prol da construción dunha autovía polo Cantábrico, independentemente do resto de formacións políticas que as secunden. Porque para nós o realmente importante é que se vertebre dunha vez o norte de Galicia cunha autovía de verdade. E se hai oito anos denunciamos a hipocrisía do PP por non apoiar as mobilizacións en favor desta obra, agora coa mesma forza denunciamos a hipocrisía de socialistas e benegás por non secundala. Dende as Mocidades de TEGA parécenos lamentable tanto a postura de populares coma de socialistas e benegás. Os primeiros, por non ter feito nada en favor desta obra durante os seus quince anos de goberno na Xunta e agora querer sacar proveito político desta carencia e os segundos por non facer nada estes dous anos e medio que levan gobernando cando hai aínda pouco tempo lideraban protestas para que a obra se levase a cabo.

Porque somos nacionalistas e queremos o mellor para Galicia, e especialmente para os seus mozos e mozas, as Mocidades de TEGA queremos facer noso aquel lema do ano 2000 que dicía “Infraestructuras e emprego para o noso futuro”.

Comunicado das Mocidades de Terra Galega ante a suba do Salario Mínimo Interprofesional en 29,7 € para o ano 2008

Fai click na táboa para visualizar mellor os datos.

Ante o anuncio hai poucos días do presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, no que anunciaba a suba do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) de 570.3 a 600 € para o ano que principia, dende as Mocidades de Terra Galega queremos expoñer:

1º Que a subida que dende o goberno central cifran no 5,2% non se axusta a realidade, ou alomenos é enganosa xa que co incremento do IPC que se rexistrou no pasado 2007 do 4,3%, a suba real do SMI é dun simbólico 0,9%. Ademais disto tamén hai que deixar claro que a cifra de 600 € do SMI é unha cantidade en bruto. É dicir que se lle descontamos as cotizacións sociais, realmente o SMI quedará reducido a uns 560 euros netos.

2º Que o SMI en Galicia e no Estado Español non se axusta, nin de lonxe, coa realidade social e económica do país. A mellor maneira de comprobar isto é comparando a renda per cápita e o SMI estatais cos dos outros países da UE onde hai establecido por lei un salario mínimo. Así, mentres que un cidadán medio español produce un PIB ou riqueza media cercana á dun francés, alemán ou británico, este recibirá a cambio entorno á metade do salario mínimo que estes perciben. Máis rechamante aínda é o feito de que malia xerar máis riqueza por habitante que en Italia, aquí o salario mínimo sexa moi inferior ao do país transalpino.

3º Do mesmo xeito, dende as Mocidades de TEGA queremos denunciar o electoralismo propagandístico que o goberno socialista practica no que se refire a políticas de tipo económico enfocadas á mocidade, chegando a caer ás veces no máis absurdo e puro efectismo, como acontece neste caso no que, ademais de intentar “venderlle” á mocidade unha suba que non é tal, pasa ademais por alto a situación que se dá nos países veciños e que nos deixa nun moi mal lugar.

4º Dende as Mocidades de TEGA consideramos que se realmente se quere axustar o SMI á realidade socioeconómica do país, este deberá de empezar a medrar proporcionalmente ao crecemento que experimentou a nosa renda per cápita nos últimos anos respecto da do resto de países da UE-15, ata acabar converxendo coa destes estados no prazo máximo dunha década. Iso si sería unha suba real e acorde cos tempos que corren. O resto non é máis que subidas simbólicas que semellan máis unha propina do Nadal que un incremento digno e coherente.

Fonte: Eurostat. Datos ata o comezo do ano 2007 / * Na Alemaña non existe un SMI establecido, é unha media dos salarios máis baixos
** En Italia existen distintas categorías de SMI. Media das diferentes clases de SMI.

Comunicado das Mocidades de Terra Galega sobre as seleccións deportivas galegas

A organización xuvenil de TEGA agradece a súa participación a todos os xogadores e xogadoras que representaron a Galicia cos seus respectivos combinados e pide ademais a oficialización a nivel internacional da selección galega en todos os deportes.

Dende as Mocidades de Terra Galega queremos congratularnos da resposta popular que tivo a xornada deportiva do día 27 en Vigo, cunha asistencia máxima de 25000 persoas que, malia as dificultades de última hora, apoiou o que foi unha festa do fútbol galego e unha reivindicación da identidade galega. Queremos, da mesma maneira, dar as grazas a todos aqueles xogadores e xogadoras que acudiron ás convocatorias e que, en moitos casos, tiveron que realizar desprazamentos de centos de quilómetros para defender as cores das nosas seleccións de fútbol, tanto nas categorías inferiores como nas absolutas masculina e feminina.

O protagonista do día 27 foi o fútbol, pero sería inxusto esquecer a participación durante estes últimos anos dos xogadores e xogadoras das seleccións galegas de baloncesto, balonmán, voleibol e tantos outros deportes que, coa súa presenza, fan que cada día Galicia sexa máis país. Porque as seleccións deportivas galegas son, como tantas outras cousas, unha expresión da nosa identidade como nación.

As Mocidades de Terra Galega queremos, tamén, manifestar o noso apoio ao carácter oficial das nosas seleccións deportivas, cousa que vemos como un dereito irrenunciable a exercer; se Galicia é unha nación, ten dereito a participar nas competicións deportivas internacionais ao máis alto nivel da mesma maneira que o fan outras nacións europeas sen Estado como Escocia ou as Illas Feroe. Esixismos, pois, o recoñecemento por parte dos organismos deportivos internacionais de Galicia como suxeito de participación nas súas competicións oficiais.

100 anos de Himno Galego. Do Reino á Nación

Tal día coma hoxe, o 20 de decembro de 1907 era interpretado por primeira vez na Habana o Himno Galego, saído da arte e o amor por Galicia de dous artistas singulares fillos desta Terra, Eduardo Pondal e Pascual Veiga, sen esquecer o entusiasmo posto neste proxecto polo ferrolán Fontenla Leal, ó que, á fin, parece que a súa cidade natal lle vai recoñecer a súa gran contribución á defensa do país.

Non deixa de ser simbólico o feito de que a primeira terra en escoitar o noso Himno fose alén do mar, dese Océano que separou e uniu a un tempo a tantos milleiros de galegos que marcharon cara América na percura dun futuro mellor que os sacase a eles e os seus da miseria á que os tiña condenados un Estado centralista que consideraba Galiza como unha reserva, unha colonia afastada da Villa y Corte entorno á que xiraba toda a vida pública dos anos finais do século XIX e comezos do XX.

O galeguismo daquel momento viu no novo Himno un elemento de unión entre todos os galegos espallados polo mundo que serviría para reivindicar a pertenza a un pobo con identidade de seu, a unha vella Nación que por primeira vez era denominada como tal nas verbas escritas por Pondal, e que remontaban a súa existencia ós tempos míticos do celta Breogán. O novo Himno viña renovar, que non substituir, á vella marcha medieval que sobrevivira ós duros Séculos Escuros (a primeira “longa noite de pedra”), e que mantivera vivo o recordo daquel Reino de Galicia que non cumpría esquecer. Así, dende aquel 20 de decembro e ata os nosos días a Marcha do Antigo Reino de Galiza e a Himno Galego comparten protagonismo como verdadeiros símbolos do pasado, presente e futuro desta vella Nación do finisterrae europeo orgullosa de si mesma que mira con esperanza o futuro, cimentada nas bases dun pasado cheo de momentos gloriosos pero tamén de dificultades que non foron quen de facela desaparecer.

Os nacionalistas de hoxe, e , sobre todo, os mozos e mozas, debemos sentirnos orgullosos dos nosos símbolos, defendelos, reivindicalos e vivilos como parte do noso ser; cantar o noso Himno, sentir as súas notas mentres a bandeira azul e branca ondea co ventiño mareiro ou a suave brisa dos outeiros, debe ser para nós motivo de fachenda e un verdadeiro impulso para seguir traballando polo noso País.

Felicidades a todos os que amamos esta Terra e nos emocionamos cantando a esta vella Nación de Breogán.

Comunicado das Mocidades de TEGA ante a celebración do Día da Galiza Mártir

Neste 17 de agosto cúmprense 71 anos do fusilamento do ilustre galeguista Alexandre Bóveda polas tropas fascistas.

O 17 de agosto é para nós un día de sentimentos encontrados; é o día da Nación aldraxada, pero tamén o día da esperanza nun futuro que está nas nosas mans. Hai 71 anos esta Terra ficou privada dun dos seus máis grandes valedores, naquel 17 de agosto Alexandre Bóveda caía morto na Caeira; mais os verdugos non caeron na conta de que por moitos “alexandres” que matasen espallados por todo o país, nunca habían conseguir matar as súas ideas, o seu soño dunha Galicia que vise recoñecidos os seus dereitos, o seu soño dunha Nación Galega democrática, aberta, tolerante, orgullosa de sí mesma; iso é o que os verdugos perseguían e o que non conseguiron, xa que como ben deixou escrito Castelao ó pé dun dos seus debuxos “non enterraban cadavres, enterranban semente”, e os nacionalistas de hoxe, especialmente os mozos e mozas, traballamos para ser digno froito daquela semente.

Dende a Mocidade de Terra Galega queremos renovar neste Día da Galiza Mártir o noso compromiso cos ideais que levaron á morte inxusta e cruel a tantos homes “bos e xenerosos”, comprometidos co seu país, coa defensa desta vella Nación. Os mozos e mozas de TEGA arelamos ver cumprido un día o soño dos que nos precederon na defensa do país, é dicir, arelamos unha Galicia plena, que rexurdída das cinzas se sitúe no lugar que merece: como un pobo, unha nación europea de pleno dereito, e cunha clara vocación europeista, pero non do europeísmo barato dos Estados senón da Europa dos Pobos, democrática, aberta, tolerante, que respecta as diferentas e protexe o seu patrimonio cultural como a mellor cimentación para o futuro. Así pois, a conmemoración do Día da Galiza Mártir debe constituir para nós o día da memoria, pero unha memoria sen rancores, en positivo, sabedores de que a mellor maneira de honrar esa memoria é proxectala de cara ó futuro, por Eles, por Nós, por Galicia.