MÁIS UNIDOS CA NUNCA

As Mocidades de Terra Galega queremos manifestar a nosa plena adhesión a todo o manifestado polo Coordinador Xeral do noso partido, Xoán Gato, na roda de prensa de onte en Santiago, na que coma afiliados/as comprometidos con este proxectos nos sentimos plenamente representados na súa persoa.

Asemade, queremos sumarnos á denuncia feita polo compañeiro Xoán, líder indiscutible de Terra Galega e respaldada pola maioría da Dirección Nacional, a práctica totalidade dos cargos electos ( 5 alcaldías e 65 concelleiros) e das agrupacións locais, todas as comarcais e as provinciais, sobre o escurantismo e as prácticas mafiosas levadas a cabo por un reducido grupo de dirixentes encabezados polo presidente Pablo Padín co único fin de tomar o control total do partido para abocalo ao fracaso mediante unhas máis que probables prevendas a terceiros.

Compartimos a decisión tomada pola ampla maioría do partido de non acudir ao pseudocongreso que se vai celebrar o vindeiro domingo e que adoece dos mínimos non só éticos senón tamén legais para se levar a cabo, toda vez que a día de hoxe a Dirección Nacional non coñece os datos de afiliación e situación financeira do partido, ambas ocultadas polo Secretario de Finanzas coa conivencia do señor Padín.

Apoiamos e apoiaremos calquera actuación a nivel administrativo ou xudicial que tome a maioría da Dirección Nacional do partido así como os cargos electos e militantes para denunciar e anular todos os posibles acordos que poidan emanar dun congreso que consideramos ilegal por non cumprir os Estatutos do partido polos que nos temos que rexer todos os afiliados/as.

Queremos facer un chamamento á unidade de todos e todas os que verdadeiramente temos interese en que este proxecto saia adiante e non acabe coma tantos outros que ao longo da historia deste país foron dinamitados por axentes exteriores axudados de persoas sen escrúpulos que dende dentro que se venderon a cambio de cinco minutos de gloria, sen pensar nas consecuencias que isto supón para Galicia. Quen participa en contubernios deste tipo está claro que non quere ao noso país e é polo tanto non é merecedor da nosa confianza.

Porque no fondo estamos máis unidos ca nunca, queremos rematar cunha mensaxe positiva de cara ao futuro:


Por nós, por Galicia, xuntos habemos vencer.