Tanto a agrupación comarcal de TEGA en Ferrolterra como as xuventudes de Terra Galega pedimos á consellería de educación e ordenación universitaria da Xunta de Galicia que impulse a creación dos estudos de enxeñería aeronáutica na nosa bisbarra. Os motivos polos que realizamos esta proposta son varios:1.- Porque a creación destes estudos viría a axudar a completar o mapa de titulacións universitarias de Galicia, xa que esta carreira non está implantada na nosa terra. É dicir, non soamente non se solaparía coas demais universidades do país senón que ademais sería unha nova oferta académica para os estudantes galegos.
2.- Porque contribuiría a que a maioría dos nosos estudantes que, recen saídos da Secundaria e desexen optar por esta carreira, non teñan que marchar a Madrid ou a outros lugares do Estado (Terrasa, León, Valencia ou Sevilla) para cursala.
3.- Porque se trata dunha titulación con moitísimas saídas profesionais que mesmo van máis aló da industria aeronáutica. Son moitos os enxeñeiros aeronáuticos que traballan no sector da automoción, o enerxético ou o electrónico, entre outros campos, debido a que estamos falando dunha enxeñería moi versátil.
4.- Porque consideramos que Ferrol é un lugar idóneo para a implantación destes estudos debido a que se poden aproveitar moitos dos recursos académicos xa existentes, tanto materiais como humanos. Nos campus desta cidade impártense, a día de hoxe, os estudos de dúas enxeñerías superiores (industrial e naval) e cinco técnicas (electrónica, electricidade, deseño industrial, propulsión e estruturas). Da mesma maneira na nosa área urbana tamén se encontran ata cinco departamentos universitarios de carácter técnico. Ademais, hai que ter en conta que na Politécnica Superior de Esteiro habería suficiente espazo para a implantación dunha nova enxeñería, polo que a creación desta nova carreira non implicaría a construción dunha nova escola universitaria, co aforro económico que isto suporía. Por todo isto consideramos que a posible implantación desta titulación sería moito menos custosa que en calquera outro lugar de Galicia xa que aquí se poderían aproveitar boa parte dos recursos actuais.
5.- Porque coa implantación desta titulación se consolidaría a especialización técnica dos campus da comarca, o que axudaría a converter a Ferrol na principal referencia académica en Galicia no que a estudos enxeñeriles se refire.
6.- Porque ademais contribuiría a incrementar a súa oferta académica e o seu número de estudantes. Non podemos obviar que Ferrolterra, terceira comarca máis poboada de Galicia, ten proporcionalmente unha oferta universitaria moi lonxe da que lle correspondería polo seu peso demográfico.
7.- Porque coa creación destes estudos estaríamos dando os primeiros pasos para a posible implantación en Galicia e, sobre todo, na Terra de Trasancos, da industria aeronáutica, xa que teríamos persoal humano cualificado para cubrir as necesidades dese sector. Aquí, ademais hai que ter en conta a potencial creación de sinerxias coas industria naval e enerxética da nosa bisbarra, adquirindo esta por tanto, un carácter aínda máis atractivo neste sentido desde o punto de vista empresarial e económico.

