Dende hai varios anos eran moitas as voces que en Galicia falaban da necesidade dunha forza, chamada “cuarta vía” ou “cuarta pata” que normalizase o panorama político galego. O esfarelamento de Coalición Galega en 1993 e a imposibilidade de que outros proxectos inspirados nesa idea chegasen a bo porto deixaron orfos políticamente durante 15 anos a milleiros de galegos.Para expoñer claramente a necesidade dun partido político inspirado no nacionalismo galego aberto e plural é bo facer un pouco de historia e coñecer os precedentes antes de chegar ao día de hoxe. Dende a fin da ditadura franquista houbo dous partidos políticos inspirados no noso proxecto que foron o Partido Galeguista de Avelino Pousa Antelo e Coalición Galega, liderada por Euloxio Gómez Franqueira.
En 1985 Coalición Galega acadou 11 deputados no Parlamento de Galicia e en 1986 colocou por primeira vez dende a Guerra Civil un deputado nacionalista galego no Congreso dos Deputados de Madrid. Esta forza política decidiu a investidura dun Presidente da Xunta e a súa posterior destitución, sendo o eixo central da política galega entre 1985 e 1990. Os erros propios, sumado a un linchamento mediático o daquela Presidente do partido e Vicepresidente da Xunta, propiciaron que Coalición Galega baixase de 11 a 2 deputados nas eleccións de decembro do 1989, perdendo definitivamente a representación n´o Hórreo en 1993.
O fraguismo, cos seus métodos de dominio caciquil e mediático case absoluto, impediron que durante o goberno do Partido Popular en Galicia puidese xurdir unha alternativa que fose quen de disputar o espazo político tanto ao PP como ao Bloque Nacionalista Galego (BNG).
En aras do voto útil, quen votaba centro ou centrodereita votaba ao PP e quen votaba nacionalista votaba ao BNG, levando á vida política galega unha crispación sen precedentes pola falla dunha forza política que servise de punto de enganche entre estas dúas forzas e tamén co federalismo do PSOE en Galicia. PP e BNG estiveron retroalimentando o seu discurso de maneira irresponsable durante a práctica totalidade do período de Manuel Fraga á fronte da Xunta de Galicia.
As Eleccións ao Parlamento de Galicia en xuño de 2005 supuxeron a perda de toque para a fin do sistema caciquil que imperaba no noso país de maneira prácticamente ininterrompida dende finais do século XIX. A perda da maioría absoluta por parte do PP e a alternancia no poder por parte do bipartito PSOE-BNG permitiron un cambio no panorama político galego que facilitou o noso nacemento en outubro do mesmo ano como unión de varios grupos de ámbito municipal, provincial e nacional. O noso partido puido celebrar un congreso en maio de 2006 que serviu para unificar criterios e presentármonos diante da cidadanía galega como un partido nacionalista, centrista, progresista e municipalista.
Nas Eleccións Municipais de maio Terra Galega fixo historia; conseguiu consolidarse a todos os efectos como cuarta forza do panorama político galego en número de votos, número de concelleiros e alcaldías dirixidas polo noso partido. Terra Galega goberna ou cogoberna a máis de 120.000 galegos e a día de hoxe é a forza nacionalista de centro de referencia. Estes resultados, que son consecuencia dun esforzo por parte de todos aqueles que estiveron dispostos a chegar a acordos e a unha campaña onde había que dar a coñecer o novo partido teñen que servir para ver que hai unha gran parte da poboación que desexa a nosa existencia como partido central da política galega, como partido que sirva de punto de encontro cos demais partidos políticos con representación no Parlamento de Galicia.
Terra Galega ten que seguir traballando na liña de sumar vontades e integrar a toda aquela xente que queira traballar por unha Galicia próspera e con oportunidades para todos. É a nosa obriga a de sermos flexibles e abrir as nosas portas a todos aqueles que cren que hai outra maneira diferente de traballar por Galicia sen ataduras e sen extremismos ao mesmo tempo. Tamén hai que ter en conta que traballamos con desvantaxe, posto que os nosos rivais posúen medios de comunicación afíns ou altas responsabilidades gobernamentais no seu ámbito de actuación, razón pola que traballar para consolidar o noso partido é non só unha necesidade senón unha esixencia a curto prazo. Terra Galega ten que aspirar a ser algún día o partido de Galicia, o partido de referencia de todos os galegos.

