A mocidade galega, moi lonxe de ser «mileurista»

O salario medio dos asalariados de entre 16 e 29 anos non chega aos 840 €. Segundo o "Observatorio Novo de Emprego" do Consello da Xuventude de España, a media salarial que perciben os traballadores galegos menores de 30 anos é de case 150 € por debaixo dos seus homólogos españois. Ademais, as mulleres desta franxa de idade cobran un 17% menos que os homes.

Ser "mileurista" hoxe en día para un rapaz galego máis que unha maldición é unha aspiración que nin tan sequera alcanzan os rapaces de entre 25 e 29 anos. Así, o salario medio dos 258.252 galegos ocupados que se encontran na franxa de idade de entre 16 e 29 anos ascende a un total de 839,44 euros, cifra moi inferior a dos 988 € de media que reciben os seus compañeiros en todo o Estado.

Se no conxunto de España o termo empregado para definir aos traballadores máis novos, "mileuristas", achégase bastante á realidade, en Galicia desafortunadamente quédase moi lonxe desta. Se cadra a mellor maneira de definir aos nosos asalariados máis novos sería o de "pseudomileuristas", xa que son máis de 160 euros os que os separan desa cifra. Semellante problema non o teñen noutras comunidades como Euskadi e Madrid, xa que alí os rapaces reciben un salario medio de 1.121 e 1.228 euros ao mes, respectivamente.

Pero se xa entre os diferentes territorios a desigualdade é dabondo considerable, esta acentúase aínda máis se nos fixamos no xénero ou no tramo de idade onde se encontra situado o novo asalariado. Así, unha rapaza galega cobra unha media de 754 euros fronte os 907 que perciben de promedio os varóns, un 17% menos.

Pero aínda é máis dramática a situación dos rapaces e rapazas de entre 16 e 19 anos ao cobrar estes soamente 676 e 497 euros respectivamente, recibindo estas últimas un soldo inferior ao salario mínimo interprofesional, que é de 571 €.

Tamén as mulleres están en desventaxa con respecto aos varóns no que respecta á taxa de actividade, xa que mentres que o paro masculino é dun 9,9%, o feminino ascende ao 18,3%, desempeñando ademais un 10,6% delas un traballo que require unha cualificación moi inferior á que teñen, fronte a só un 2,6% de sobrecualificación no caso dos varóns.

Por sectores, malia que a actividade predominante entre a mocidade galega é o sector servizos, cun 56,2% dos rapaces ocupados (145.091 en total), esta é moi inferior á taxa española que é dun 63,5%. Pola contra, Galicia despunta en ocupados nas actividades industriais, chegando a un 22,8% de traballadores neste tramo de idade (preto de 59.000), e na construción, cun 17,1%(máis de 44.000 novos traballadores). Finalmente o sector primario ocupa tan só a menos dun 4% do total dos rapaces.