Galicia segue a perder xente nova

A fuga de cerebros e a busca de mellores expectativas explican esta caída. No último ano a nosa terra perdeu 12.000 rapaces de entre 20 e 30 anos

Mentres a poboación galega aumenta na franxa de idade ubicada entre os 30 e os 55 anos, non se pode dicir o mesmo na comprendida entre os 20 e os 30. Entre o pasado 1 de xullo e a mesma data do 2006, os integrantes desa xeración reducíronse na nosa terra en 11.985 persoas, segundo as estimacións realizadas polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

O descenso apóiase, fundamentalmente, en tres factores: a fuga de cerebros, a emigración interior e a realización de estudos universitarios ou de posgrado no estranxeiro.
Entre os 20 e os 24 anos, idades nas que a falta de saídas profesionais empuxa a moitos recen licenciados a continuar a súa formación no estranxeiro ou noutras autonomías cunha maior oferta educativa, o descenso foi de 7.592 persoas.

A baixada descende ata as 4.393 persoas no tramo comprendido entre os 25 e 29 anos. Aí poden contabilizarse, por exemplo, os mozos que se desprazan a Canarias para traballar na construción ou a Baleares para ocupar diferentes postos no sector hosteleiro.

Máis nenos que hai un ano.
Pero a proxeción realizada polo INE tamén é negativa entre os dez e os dezanove anos (6.373 habitantes menos), coincidindo coa época na que Galicia acadou a taxa de natalidade máis baixa da súa historia. Non obstante, as estimacións amosan como as políticas de incremento poboacional iniciadas hai unha década parecen ter surtido efecto. Os datos indican que este ano hai en Galicia 3.575 nenos menores de dez anos máis que hai doce meses. O aumento acentúase entre os que teñen unha idade inferior aos catro anos, que medraron en 1.913. Ésta última cifra ven derivada en parte tamén pola entrada de inmigrantes rexistrada nos últimos anos e que teñen fillos en Galicia.

Por outra parte, a influencia dos emigrantes retornados, sobre todo os procedentes de estados europeos como Suiza e que abandoaron Galicia nos anos sesenta, obsérvase nos incrementos rexistrados entre os 60 e os 64 anos, tramo no que a poboación medrou en pouco máis de 3.800 persoas.