Neste 17 de agosto cúmprense 71 anos do fusilamento do ilustre galeguista Alexandre Bóveda polas tropas fascistas.O 17 de agosto é para nós un día de sentimentos encontrados; é o día da Nación aldraxada, pero tamén o día da esperanza nun futuro que está nas nosas mans. Hai 71 anos esta Terra ficou privada dun dos seus máis grandes valedores, naquel 17 de agosto Alexandre Bóveda caía morto na Caeira; mais os verdugos non caeron na conta de que por moitos “alexandres” que matasen espallados por todo o país, nunca habían conseguir matar as súas ideas, o seu soño dunha Galicia que vise recoñecidos os seus dereitos, o seu soño dunha Nación Galega democrática, aberta, tolerante, orgullosa de sí mesma; iso é o que os verdugos perseguían e o que non conseguiron, xa que como ben deixou escrito Castelao ó pé dun dos seus debuxos “non enterraban cadavres, enterranban semente”, e os nacionalistas de hoxe, especialmente os mozos e mozas, traballamos para ser digno froito daquela semente.
Dende a Mocidade de Terra Galega queremos renovar neste Día da Galiza Mártir o noso compromiso cos ideais que levaron á morte inxusta e cruel a tantos homes “bos e xenerosos”, comprometidos co seu país, coa defensa desta vella Nación. Os mozos e mozas de TEGA arelamos ver cumprido un día o soño dos que nos precederon na defensa do país, é dicir, arelamos unha Galicia plena, que rexurdída das cinzas se sitúe no lugar que merece: como un pobo, unha nación europea de pleno dereito, e cunha clara vocación europeista, pero non do europeísmo barato dos Estados senón da Europa dos Pobos, democrática, aberta, tolerante, que respecta as diferentas e protexe o seu patrimonio cultural como a mellor cimentación para o futuro. Así pois, a conmemoración do Día da Galiza Mártir debe constituir para nós o día da memoria, pero unha memoria sen rancores, en positivo, sabedores de que a mellor maneira de honrar esa memoria é proxectala de cara ó futuro, por Eles, por Nós, por Galicia.

