As Mocidades de TEGA denuncian que nos dous anos e medio de goberno PSOE-BNG, Galicia perdeu máis de 26.000 postos de traballo no sector primario

En só dous anos e medio o sector primario galego perdeu a case unha cuarta parte dos seus traballadores. Cando os socialistas e benegás chegaron ao goberno da Xunta o número de galegos que traballaban neste sector superaba os 123.000 traballadores. Dous anos e medio despois esta cifra viuse reducida aos 97.000. É a primeira vez na historia que o número de galegos que traballan no agro e no mar baixa dos 100.000 traballadores.
Neste curto período de tempo o sector primario perdeu case tres puntos porcentuais sobre o total de ocupados en Galicia, pasando do 11 ao 8% e situándose como o sector que menos emprego xera, sendo superado nestes anos polo sector da construción.

O significado destes datos son tan negativos que, de seguir con esta tendencia, as actividades produtivas en Galicia desaparecerían por completo en menos dunha década.
Se ben é certo que se trata dun problema estrutural herdado dos gobernos de Fraga e da ditadura franquista, non é menos certo que esta tendencia negativa, lonxe de desacelerarse mesmo se acentúa, perdendo a nosa terra unha media de 10.000 empregos por ano neste sector.

Desde as Mocidades de TEGA queremos deixar constancia de que, se estes datos nos parecen desoladores, máis decepcionante aínda nos parece o feito de que a consellería que ten máis responsabilidade neste respecto, a de Medio Rural, estea gobernada polo BNG, unha forza política que durante os seus máis de 20 anos na oposición empregou “a defensa dos sectores produtivos galegos” coma unha das súas maiores bandeiras e mesmo como un dos seus principais sinais de identidade e que, agora que está no poder, non é capaz de frear esta sangría.

Desde as Mocidades de TEGA consideramos que boa parte das políticas efectuadas polo BNG nesta consellería son pouco realistas e que non están a ser efectivas nin operativas, caendo moitas veces no puro efectismo e na mera propaganda.

Dende a formación xuvenil consideramos que se debe potenciar a calidade, a innovación e a diferenciación dos nosos produtos mediante o fomento e a modernización continua da nosa agroindustria pechando aquí os ciclos produtivos e apostando forte pola diversificación e a implantación de novas actividades como a floricultura,a agricultura ecolóxica, a produción de enerxía a partir da biomasa, o aproveitamento de certos cultivos para a produción de biocombustibles ou a acuicultura. Do mesmo xeito, desde TEGA tamén consideramos moi importante fomentar a dignificación social de todas estas actividades asociadas co mar e co agro.

Fonte datos táboa: IGE(Instituto Galego de Estatística)