As Mocidades de TEGA-Carballo basean a súa acción política na vivenda e o emprego

As Mocidades de Terra Galega por Carballo, a agrupación xuvenil do actual CDI, celebrará unha reunión este venres, a partir das 21.00 horas, á que están convidados todos os mozos «centristas » do municipio. A convocatoria é consecuencia da última xuntanza da comisión xestora, na que se elaborou unha declaración de intencións que terá que ser ratificada polos asistentes á asemblea xeral.

No documento, as Mocidades de Terra Galega por Carballo traza as liñas xerais da súa acción política, que se centrará en urbanismo e vivenda, emprego, educación e deporte, e sanidade. Con respecto ao primeiro piar, a proposta consiste en actuar dunha forma decidida en política de vivenda a través de medidas como a creación dunha oficina municipal para a información e xestión de axudas, a esixencia de que todos os polígonos en solo urbano e urbanizable respecten «os estándares mínimos xa recollidos na lei de edificabilidade para actuacións de vivenda protexida» e a posta en marcha dunha bolsa de aluguer na que poderán inscribirse os propietarios de pisos baleiros.

En materia laboral, para os mozos de Terra Galega é imprescindible acadar máis solo industrial para evitar a emigración de xente nova «para labrarse un futuro laboral». Nese sentido aposta por facilitar a instalación de empresas, sen caer no «todo vale».
De igual xeito, as accións en educación e deporte van encamiñadas a afianzar poboación e a crear «bos cidadáns». E para iso, a agrupación aposta polo apoio ás entidades e escolas deportivas, o reparto «equitativo» de subvencións, a utilización «racional» das instalacións e a participación activa nos consellos escolares, ademais da creación de servizos como garderías.

Por último, a declaración refírese a necesidades sanitarias como o hospital comarcal, pero prioriza «o problema dos facultativos », de xeito que o PAC da localidade sexa dotado de máis persoal e que se constrúa un novo centro de saúde en Sofán «para desconxestionar o de Carballo».

Deporte

Para hoxe tamén están convidados no restaurante Punta del Este, ás nove da noite, todos os representantes do movemento deportivo do municipio carballés. O CDI-Terra Galega pretende presentarlles as súas propostas de cara ás vindeiras eleccións municipais, e para iso terá na mesa presidencial aos seus representantes en entidades e empresas deportivas, Antonio Longueira Casais, Xosé Antonio Vilariño e Andrés Eirís, ademais do líder e candidato do partido, Manuel Andrade.