Tal día coma hoxe, o 20 de decembro de 1907 era interpretado por primeira vez na Habana o Himno Galego, saído da arte e o amor por Galicia de dous artistas singulares fillos desta Terra, Eduardo Pondal e Pascual Veiga, sen esquecer o entusiasmo posto neste proxecto polo ferrolán Fontenla Leal, ó que, á fin, parece que a súa cidade natal lle vai recoñecer a súa gran contribución á defensa do país.Non deixa de ser simbólico o feito de que a primeira terra en escoitar o noso Himno fose alén do mar, dese Océano que separou e uniu a un tempo a tantos milleiros de galegos que marcharon cara América na percura dun futuro mellor que os sacase a eles e os seus da miseria á que os tiña condenados un Estado centralista que consideraba Galiza como unha reserva, unha colonia afastada da Villa y Corte entorno á que xiraba toda a vida pública dos anos finais do século XIX e comezos do XX.
O galeguismo daquel momento viu no novo Himno un elemento de unión entre todos os galegos espallados polo mundo que serviría para reivindicar a pertenza a un pobo con identidade de seu, a unha vella Nación que por primeira vez era denominada como tal nas verbas escritas por Pondal, e que remontaban a súa existencia ós tempos míticos do celta Breogán. O novo Himno viña renovar, que non substituir, á vella marcha medieval que sobrevivira ós duros Séculos Escuros (a primeira “longa noite de pedra”), e que mantivera vivo o recordo daquel Reino de Galicia que non cumpría esquecer. Así, dende aquel 20 de decembro e ata os nosos días a Marcha do Antigo Reino de Galiza e a Himno Galego comparten protagonismo como verdadeiros símbolos do pasado, presente e futuro desta vella Nación do finisterrae europeo orgullosa de si mesma que mira con esperanza o futuro, cimentada nas bases dun pasado cheo de momentos gloriosos pero tamén de dificultades que non foron quen de facela desaparecer.
Os nacionalistas de hoxe, e , sobre todo, os mozos e mozas, debemos sentirnos orgullosos dos nosos símbolos, defendelos, reivindicalos e vivilos como parte do noso ser; cantar o noso Himno, sentir as súas notas mentres a bandeira azul e branca ondea co ventiño mareiro ou a suave brisa dos outeiros, debe ser para nós motivo de fachenda e un verdadeiro impulso para seguir traballando polo noso País.
Felicidades a todos os que amamos esta Terra e nos emocionamos cantando a esta vella Nación de Breogán.

