Nós non cambiamos

Comunicado das Mocidades de Terra Galega en favor da manifestación no Vicedo, o día 17 de febreiro, a prol da construción da Autovía do Cantábrico pola costa de A Mariña, Ortegal e Ferrolterra .

Aló polo ano 2000 os alcaldes da bisbarra de Trasancos xunto con algún da Mariña decidiron mobilizarse ante a decisión arbitraria e inxusta de que a Autovía chamada Transcantábrica ao chegar a Galicia tiña que desviarse da súa rota a carón do mar para finalizar o seu percorrido na vila natal de D.Manuel Fraga e do Cardenal Rouco, aínda que isto supuxese condenar á marxinación e á miseria ás vilas costeiras do norte das provincias da Coruña e Lugo (Ferrolterra incluída). Porque por entón os alcaldes do PSOE e do BNG saían á rúa liderando pancartas e eslóganes como “Móvete pola traza costeira da Transcantábrica” ou “Infraestruturas e emprego para o noso futuro” mentres os do PP sempre fieis a Manuel Fraga ficaban calados nos seus despachos sabendo que co seu silencio estaban a vender aos veciños e veciñas dos seus concellos. Aquelas protestas non fixeron recuar aos gobernos populares de Santiago e Madrid e só conseguiron o compromiso dun corredor costeiro que unise a Mariña con Ferrol e coa Transcantábrica.

Oito anos despois aquela promesa do corredor costeiro quedou niso, nunha promesa que non ten visos de ser levada a cabo a curto-medio prazo, e velaí que agora son os alcaldes do PP os que saen á rúa para protestar por este incumprimento, mentres dende o PSOE no goberno do Estado e o BNG salvador da tristemente famosa Ministra de Fomento tachan a estes de “oportunistas”.

Dende as Mocidades de Terra Galega, da que formamos parte moitos dos que hai oito anos simpatizabamos con Unidade por Narón e con Xoán Gato, líder daquel movemento reivindicativo, queremos transmitir o noso apoio á manifestación do Vicedo do vindeiro domingo porque nós non cambiamos, e se no ano 2000 (algúns aínda sen idade para votar) apoiamos ás manifestacións a favor do trazado costeiro da Transcantábrica, hoxe vémonos na obriga de participar de calquera iniciativa na defensa da mellora das infraestructuras para o noso país. Se daquela nos manifestamos porque considerábamos que esa infraestrutura era básica para os 300.000 habitantes de Ferrolterra, Eume, Ortegal e A Mariña, pasados oito anos consideramos que aínda o é máis.

Dende as Mocidades de Terra Galega queremos deixar ben claro que apoiaremos todo tipo de manifestación democrática a prol da construción dunha autovía polo Cantábrico, independentemente do resto de formacións políticas que as secunden. Porque para nós o realmente importante é que se vertebre dunha vez o norte de Galicia cunha autovía de verdade. E se hai oito anos denunciamos a hipocrisía do PP por non apoiar as mobilizacións en favor desta obra, agora coa mesma forza denunciamos a hipocrisía de socialistas e benegás por non secundala. Dende as Mocidades de TEGA parécenos lamentable tanto a postura de populares coma de socialistas e benegás. Os primeiros, por non ter feito nada en favor desta obra durante os seus quince anos de goberno na Xunta e agora querer sacar proveito político desta carencia e os segundos por non facer nada estes dous anos e medio que levan gobernando cando hai aínda pouco tempo lideraban protestas para que a obra se levase a cabo.

Porque somos nacionalistas e queremos o mellor para Galicia, e especialmente para os seus mozos e mozas, as Mocidades de TEGA queremos facer noso aquel lema do ano 2000 que dicía “Infraestructuras e emprego para o noso futuro”.