Neste ano que remata conmemoráronse dous feitos que teñen unha importanciacapital para entender o desenvolvemento político do Estado Español durante os últimos 30 anos: as primeiras eleccións democráticas e a primeira vitoria do PSOE nunhas eleccións xerais. O pacto que permitiu que os perseguidos durante a ditadura de Franco puideran chegar a gobernar algún día foi, en esencia, un acordo entre franquistas e demócratas que quixeron por riba de todo afastar o perigo dun novo enfrentamento bélico coma o de 1936. As forzas de oposición á ditadura eran coñecedoras do limitado apoio social co que contaban e aceptaron entrar nun xogo que controlaban as novas xeracións de burócratas "azuis"; non cuestionaron a entronización de Xoán Carlos I e incluso o PCE aceptou como propia a bandeira da monarquía en aras da "reconciliación nacional" [i]. O "establishment" económico da época tamén era consciente da necesidade de "europeizar" España e non puxo demasiados impedimentos a un proceso que non lles perxudicaba en exceso e lles podía abrir a medio prazo as portas do Mercado Común [ii]. O exército, único elemento que podía poñer en perigo o proceso de evolución política foi, en liñas xerais, disciplinado porque a maiores non era unha institución monolítica; o propio proceso biolóxico deixou en evidencia que un sector cada vez maior da oficialidade non era franquista ou, cando menos, non estaba disposto a levantarse para reivindicar a lexitimidade do 18 de xullo [iii]. A clara vontade de entendemento entre os partidos políticos do momento permitiu que se consensuara case ao 100% (o PNV non a apoiou) unha Constitución que instauraba a Monarquía Parlamentaria e permitía abrir procesos de descentralización territorial, as chamadas autonomías. Galicia, Catalunya e Euskadi estaban en primeira fila e [iv] (xunto con Andalucía) votaron en referendo os seus Estatutos de Autonomía, mentres que o resto do Estado acabou consolidándose o "café para todos" e a descentralización das competencias foi global. Este marco político funcionou razoablemente ben durante 20 anos pero xa dende finais dos 90 empezou a amosar síntomas de esgotamento.
Quen escribe o presente artigo naceu en democracia e sen o perigo dun golpe militar, co cal pode dar unha visión menos emotiva do pasado. Cando Felipe González gañou as primeiras eleccións democráticas en 1982 os seus esforzos centráronse na reconversión económica que fora aprazada dende o tardofranquismo e en encadrar España no eixo Euroatlántico; o seu partido pactara pouco antes a LOAPA coa UCD para consagrar o sistema laminar de competencias co que funciona o Estado das Autonomías e así evitar que algún territorios puidesen adoptar decisións que fosen contrarias ás tan cacareadas "razóns de Estado" e desta maneira o partido do "socialismo en libertad" ,que en 1975 defendía o dereito de autodeterminación para os pobos do Estado Español, renegaba do seu pasado. Esa carta, aínda que parcialmente anulada polo Tribunal Constitucional, é a que serve aos intereses do Goberno central á hora de invadir sistemáticamente ás competencias das Autonomías co beneplácito do, agora totalmente dócil, Tribunal Constitucional. É tal a sensación de fastío dos gobernos autonómicos que algún xa renunciou dende hai anos a presentar recursos porque coñece de antemán o sentido do ditame [v].
Durante a segunda lexislatura de Aznar abriuse en Catalunya e Euskadi o debate sobre a comenencia de reformular o modelo de relacións institucionais entre os gobernos autonómicos e o Estado, aínda que con matices de forma importantes . Mentres que Euskadi falaba abertamente dun pacto de Libre Asociación [vi],Catalunya propoñía un novo Estatuto de Autonomía [vii] que consagrara o principio de bilateralidade ou, o que é o mesmo, introducise elementos federalizantes na estrutura do Estado Español.
A día de hoxe, vendo a situación política do Estado Español, teño a impresión de que o consenso ao redor do modelo de Estado rachou porque non existe a vontade entre unha das partes (os partidos estatais) de avanzar no perfeccionamento do mesmo para dar cabida a todas as opcións políticas. Se o PP ten unha postura que cada vez o aproxima máis á extrema dereita franquista e dende os seus altofalantes mediáticos se fala de reformar a constitución para "blindar" o Estado de competencias, o PSOE tentou facer unha política de equilibrios consistente en intentar ceder nas cousas menos esenciais (Estatuto de Catalunya) [viii]e dar cara a fóra unha imaxe de firmeza para non exaltar ao seu electorado da meseta(Navarra) [ix] . O resultado é que o centro ten unha reacción cada vez máis hostil cara á periferia e que ésta ve cada vez con máis claridade que estar dentro de España non é un bo negocio; tanto vascos como cataláns ven que Madrid non é un "socio de fiar" e este feito explica que Ibarretxe queira convocar un referendo de soberanía o vindeiro ano e que ERC queira facer o propio en Catalunya no 2014 [x]. Este conflito puido ser "conlevado" durante unha xeración pero a miña, a que non viviu o franquismo, ve cada vez máis claro que estar dentro dunha estrutura estatal que quere centralizar o poder nunha cidade contra vento e marea só trae perxuízos á nosa terra en forma de investimentos mínimos, emigración de técnicos cualificados e perda das nosas principais empresas para pagaren os seus impostos na "villa y corte". Da mesma maneira, non entendo por qué teño que finanzar cos meus impostos a vida e as vacacións dun señor que eu non elixín para que fose o Xefe do "meu" Estado e isto é algo que tamén se percibe de maneira crecente entre a cidadanía; pouco a pouco se empeza a cuestionar a razón de ser dunha institución tan anacrónica como é a monarquía [xi]. En definitiva, o modelo constitucional de 1978 xa está superado e o que é claro é que a evolución política dos próximos anos non será nin moito menos plácida nin estará exenta de tensións cada vez maiores.
Qué é o que eu creo que podemos facer dende as Mocidades de Terra Galega? É obvio que a independencia é un obxectivo imposible de acadar a medio prazo, pero si penso que hai que empezar a actuar prescindido da idea de Estado; nós non temos que propoñer ningún modelo de organización territorial para o Estado Español nin temos que salvar España, en todo caso será o Estado o que terá que se adaptar ao ordenamento xurídico que os galegos nos queiramos dar nun determinado momento e para poder ter capacidade para o impoñer cómpre que nós teñamos forza nas institucións autonómicas galegas ¡Basta xa de autoxustificacións e eufemismos cando, simplemente, esiximos o que nos pertence!. Todo o que non sexa plantexado coa forza dos votos nacionalistas non será máis que unha operación de maquillaxe forzada por cuestións de imaxe, coma o recente intento de reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia onde a principal cuestión, a soberanía, quedaba intacta nas mans do goberno central. Síntoo moito, pero non confío nos compromisos porcentuais de investimentos públicos do señor Zapatero nin tampouco nunha eventual ampliación de competencias que non poidamos manter e nos faga dependentes unha vez máis das transferencias económicas do Estado; só confío nun sistema onde Galicia administre todos os tributos soportados no seu territorio e teña plena capacidade de dirixir a súa política sen interferencias do poder central, un sistema onde Galicia camiñe cara á plena soberanía.
[i] Durante o primeiro Comité Central do PCE na legalidade, o 14 de abril de 1977.
[ii] De feito, a razón pola que as negociacións entre o Estado Español e a Comunidade Económica Europea estaban conxeladas era a existencia dun réxime autoritario.
[iii] Mesmo chegou a existir durante o franquismo unha asociación clandestina de militares demócratas, a Unión Militar Democrática.
[iv] En virtude da Disposición Adicional Iª que permitía acceder de maneira máis rápida a aqueles territorios que no pasado tivesen plebiscitado afirmativamente un Estatuto de Autonomía.
[v] O goberno vasco aínda non ten transferidas as competencias relativas á administración dos Centros Penitenciarios que lle recoñece o Estatuto de Gernika.
[vi] Ibarretxe presentou dito proxecto, o Plano Ibarretxe, en setembro de 2002 apoiado polo Parlamento Vasco con maioría absoluta dous anos despois.
[vii] Proxectos de reforma presentados por CIU e o PSC-PSOE en 2003
[viii] Finalmente, a cuestión do finanzamento reduciuse á creación dun consorcio Estado-Generalitat e a unha maior participación do goberno catalán nos tributos estatais.
[ix] A decisión da Executiva Federal do PSOE impediu á súa federación navarra pactar cos nacionalistas de Nafarroa-Bai.
[x] Sondaxe de El Periódico de Catalunya do 15-10-07: O 58,6% dos cataláns son favorables á celebración dun referendo de independencia, o 30,8% é contrario e o 10,7% non se pronuncia.
[xi] Segundo unha sondaxe publicada por "El Periódico de Catalunya" en outubro de 2007, os que se declaraban republicanos superaban os monárquicos.


