A organización xuvenil de TEGA agradece a súa participación a todos os xogadores e xogadoras que representaron a Galicia cos seus respectivos combinados e pide ademais a oficialización a nivel internacional da selección galega en todos os deportes.Dende as Mocidades de Terra Galega queremos congratularnos da resposta popular que tivo a xornada deportiva do día 27 en Vigo, cunha asistencia máxima de 25000 persoas que, malia as dificultades de última hora, apoiou o que foi unha festa do fútbol galego e unha reivindicación da identidade galega. Queremos, da mesma maneira, dar as grazas a todos aqueles xogadores e xogadoras que acudiron ás convocatorias e que, en moitos casos, tiveron que realizar desprazamentos de centos de quilómetros para defender as cores das nosas seleccións de fútbol, tanto nas categorías inferiores como nas absolutas masculina e feminina.
O protagonista do día 27 foi o fútbol, pero sería inxusto esquecer a participación durante estes últimos anos dos xogadores e xogadoras das seleccións galegas de baloncesto, balonmán, voleibol e tantos outros deportes que, coa súa presenza, fan que cada día Galicia sexa máis país. Porque as seleccións deportivas galegas son, como tantas outras cousas, unha expresión da nosa identidade como nación.
As Mocidades de Terra Galega queremos, tamén, manifestar o noso apoio ao carácter oficial das nosas seleccións deportivas, cousa que vemos como un dereito irrenunciable a exercer; se Galicia é unha nación, ten dereito a participar nas competicións deportivas internacionais ao máis alto nivel da mesma maneira que o fan outras nacións europeas sen Estado como Escocia ou as Illas Feroe. Esixismos, pois, o recoñecemento por parte dos organismos deportivos internacionais de Galicia como suxeito de participación nas súas competicións oficiais.

