Dende hai un tempo vimos escoitando dende determinados sectores sobre todo da dereita pero tamén da esquerda española que nas Comunidades Autónomas que teñen recoñecida por lei unha lingua de seu, especialmente Cataluña, Galiza e Euskadi ( o País Valenciano é outro cantar porque nel goberna os mesmos que protestan), se está a producir unha discriminación dos castelán-falantes que a maioría dos que vivimos nelas non notamos (falo pola propia experiencia). Hai uns días, con motivo dun xuízo que se seguía na Audiencia Nacional contra dous mozos cataláns (o motivo ou se son ou non culpables para o que me ocupa é o de menos), ante o intento dos rapaces por contestar en catalán ás preguntas que lles eran formuladas, foron requeridos polo xuíz para que falasen en español, ao que eles se negaron argumentando que o catalán era unha lingua oficial ademais do seu idioma de expresión habitual e que tiñan dereito a se expresar nel auxiliados por un intérprete, cousa que lles foi negada. Ata aí parece que se segue o guión habitual nestes casos, pero o máis curioso foi a argumentación do maxistrado; este veulles dicir que na Comunidade de Madrid onde se atopaban o único idioma oficial é o castelán, cousa que de primeiras parece bastante razoable, aínda que ó meu entender non o é, explícome: a Audiencia Nacional é un tribunal que xulga casos de especial relevancia para o Estado prodúzanse estes onde se produzan, polo que o feito de que circunstancialmente a súa sede se atope radicada en Madrid ven motivado pola súa condición de capitalidade, co que en sentido estricto esta non se atopa na Comunidade de Madrid senón no Estado Español, ente político ó que en realidade representa, e no que o catalán é unha das linguas oficiais do lugar onde aconteceron os feitos xulgados. Isto quere dicir que o argumento do xuíz sería válido se se tratase, por exemplo, da Audiencia Provincial de Madrid e se xulgasen feitos acontecidos nesa comunidade, pero non no caso que nos ocupa.
Traio ao caso este suceso non pola simpatía que me produzan os feitos xulgados, dos que me vou reservar a miña opinión, senón para exemplificar o doble raseiro co que o nacionalismo español trata os temas lingüísticos, facendo incluso un uso coxuntural do Estado das Autonomías do que outras veces tanto renega. Este si é un feito discriminatorio con respecto ás linguas minoritarias que debería tratar de subsanarse, aínda que moitos nos conformaríamos con que este tipo de casos non se desen nos xulgados das nosas localidades, onde o galego si é unha lingua plenamente oficial pero nos que día a día segue habendo casos de discriminación lingüística.
Por último quero deixar unha pequena reflexión sobor deste tema para os que aínda teñan dúbidas de quen discrimina a quen: ¿desde cando o grande precisou ser protexido do pequeno? ou, dito doutro xeito, ¿cando o peixe pequeno foi quen de comer ó grande?
Poñamos un pouco de sentido neste debate, por nós, pola nosa cultura, porque o galego é cousa de todos.

