"Oito puntualizacións sobre os Presupostos Xerais do Estado en Galicia para o exercicio 2007-08", por Óscar Barral

1º. O importante non é a contía do que o Estado afirma que vai a investir en Galicia, senón a cantidade que logo vai executar.

As inversións asignadas para a nosa terra no exercicio 2005/06 rozaron os 1.500 millóns de euros, pero destes só se chegaron a executar 1.070 millóns. É dicir, que case 430 millóns dos inicialmente asignados a Galicia acabaríanse destinando a outros lugares ou ben se redistribuirían de novo nos orzamentos do seguinte exercicio. Isto representa máis dun 28% do inicialmente presupostado.

Do mesmo xeito, nos cursos 2004/05 e 2003/04 foron 239 e 94 millóns de euros, respectivamente, os que inicialmente se presupostaran para Galicia e logo non se chegaron a executar. É dicir, que entre o 2003 e o 2006 foron máis de 750 millóns de euros que nun principio se asegurou que ían ser investidos en Galicia, pero máis tarde se acabarían perdendo polo camiño.

Curiosamente, a medida que aumenta a cantidade presupostada para a nosa terra, esta incúmprese máis.


2º As enganosas cifras dos cartos destinados a Galicia.

No que respecta ao total do investido polo Estado en Galicia, hai que dicir que no pasado 2006 o goberno de Zapatero asignou a nosa terra actuacións por un valor de 1495 millóns de euros, cifra en principio positiva se temos en conta que representaba un 7,6% do total (a poboación galega representa o 6,1% do Estado).

Así e todo, se nos fixamos no que despois se acabou executando, poderemos observar como o realmente investido en Galicia baixou a un 5,92% do total español.

Do mesmo xeito, para o 2005, o ministro Solbes afirmaba que á nosa terra se lle adxudicaría o 7,2% do total estatal, e tras comprobar o total executado nese exercicio vemos como o esforzo inversor en Galicia realmente foi dun 5,3%.

Tamén no 2004, nun principio a cifra asignada para Galicia representaba un 6% do total, para logo realmente acabar baixando a só un 4,6%.

Agora, para este curso que comeza, o goberno central afirma que vai asignar a Galicia o 8% do total presupostado. Vistos os precedentes, todo fai indicar que esta “promesa” vaise a volver incumprir de novo.

3º Un trato discriminatorio

Tras o acordo logrado entre os gobernos central e catalán e, segundo o que contempla o Estatut, a cifra presupostada para Cataluña deberá de ser dun 18,8% durante os vindeiros sete anos, o equivalente ao PIB de Cataluña sobre o total de España. Ata aquí correcto.

Pero ademais, no caso de que o Estado non acabe executando todo o presupostado para esta autonomía, a diferenza seralle entregada ao Govern catalán para que sexa este o que os invista coma lle pareza.

Esta situación non se dá no caso de Galicia, quedando deste xeito discriminada. No caso de ter recibido ese mesmo trato, entre os anos 2003 e 2006 o Estado lle debería de ter entregado á Xunta de Galicia máis de 750 millóns de euros que inicialmente se nos asignaron pero que logo non se chegaron a executar.


4º. Dos 1.942 millóns de euros presupostados inicialmente en Galicia, case un terzo son para as obras do AVE

Cando desde Madrid sosteñen que o investimento presupostado en Galicia aumentou considerablemente, non din que este está inflado, xa que máis dun 30% corresponden as obras do tren de alta velocidade. Tren que noutras comunidades xa está moi avanzado ou mesmo a piques de rematar (dentro de tres meses inauguraranse os AVE Madrid - Barcelona, Madrid - Valladolid e Córdoba – Málaga). Mentres, aquí teremos que esperar, no mellor dos casos, ao 2012.

A todo isto haille que sumar o feito de que nos orzamentos do Estado consideran como galegas as obras do tramo do tren de alta velocidade entre Lubián e Zamora, cando realmente non é así, asignándonos nas nosas contas 150 millóns de euros que non nos corresponden.


5º. Partidas simbólicas para obras básicas.

Do mesmo xeito, os PGE en Galicia ralentizan moitas actuacións básicas, mesmo vitais, para a nosa terra.

Así, en Ferrolterra, os orzamentos desenténdense por completo dos accesos ferroviarios ao novo porto exterior e fan un investimento ridículo para o AVE Ferrol – A Coruña.

Similar tratamento recibe o proxecto de tren de alta velocidade en Lugo, cidade que ademais ve como a autovía que nun futuro a deberá de conectar con Santiago recibe un escaso impulso inversor.

Outras autovías tamén fundamentais para a vertebración do país como a A-76 (Ourense-Monforte-Ponferrada) , a autovía Vigo–O Porriño e Vigo-Pontevedra, tamén se ven paralizadas cos presupostos deste ano.

Da mesma maneira, vías de carácter urbano, moi necesarias para arranxar os problemas de tráfico nas nosas urbes, reciben un investimento simbólico. Exemplos concretos son a circunvalación norte en Ourense, a circunvalación interior en Pontevedra e a Terceira Ronda na Coruña, da que só se presupostou o 15% do seu custo total.

Tampouco recibiron un tratamento xusto a ampliación dos aeroportos de Peinador e Alvedro, tendo este último que resignarse a seguir sendo a segunda pista máis curta de toda España.

6º. A T-4 levou máis cartos que Galicia nos últimos oito anos.


As veces, a mellor maneira de saber a situación na que nos encontramos é tomando referencias respecto dos que nos rodean.

Un exemplo moi esclarecedor do tratamento que Galicia leva recibindo ao longo de todos estes anos é o feito de que a ampliación do aeroporto de Barajas (popularmente coñecida coma T-4) levou máis cartos que a suma de todo o executado polo Estado en Galicia ao longo destes últimos oito anos. Hai que lembrar que a faraónica obra do aeródromo madrileño tivo un custo superior ao billón de pesetas, concretamente 6.185 millóns de euros.

É dicir, que para o goberno central prima máis a ampliación dun aeroporto que todas as actuacións que hai que facer ao longo de oito anos nunha comunidade de case tres millóns de habitantes.

7º. O lamentable espectáculo de socialistas e populares.

Pero se xa é indignante dabondo o tratamento que a nosa terra recibe por parte do Estado, non menos lamentable é o comportamento do PSOE e do PP galegos ante este.

Todos os anos a sociedade galega ten que contemplar o triste espectáculo que estes dan ante o anuncio dos PGE.

Cando o seu partido é o que goberna en Madrid, vemos como aplauden, defenden e mesmo xustifican sumisa e docilmente aos seus dirixentes madrileños.

Pola contra, cando están na oposición fan demagoxia barata caendo na hipocrisía e no máis duro cinismo.

Habería que lembrarlle aos socialistas que por culpa dos presupostos dos gobernos de González as autovías que nos deberían de conectar con Europa a coa meseta acabaron chegando á nosa terra con máis de dez anos de retraso con respecto a maioría das outras autonomías.

O mesmo se lles podería achacar aos populares, xa que se resulta que no mellor dos casos o AVE chegará a Galicia en 2012, será fundamentalmente pola súa culpa, xa que foi nos presupostos dos oito anos de gobernos de Aznar onde se marxinou á nosa terra neste concepto.

Isto demostra, que tanto para o PP coma para o PSOE galegos son máis importantes os ditados que dende a capital do reino lles mandan os seus superiores que a defensa dos intereses dos galegos e galegas, deixando en evidencia que moitas veces non son máis que meras sucursais en Galicia dunha sede social domiciliada en Madrid.


8º. Ante o abandono, traspaso de competencias.

Os galegos e galegas probablemente deberiámonos preguntar se realmente é útil lamentarnos e chorar continuamente ao Estado porque este non inviste o suficiente nas infraestruturas galegas que son da súa competencia.

Se cadra o máis práctico e rendible sería ter loitado para que traspasase ditas competencias ao goberno autonómico e, desta maneira, poder xestionalas nós desde aquí. Tería sido o máis lóxico.