"Votar ou non votar…? Esa é a cuestión" por Alejandro Rabuñal, de TEGA-Arteixo

Teño 21 anos e, polo tanto, pertenzo a ese grupo de idade entre os 16 e os 30 anos chamado xuventude. Considérome un xoven con inquedanzas pero tamén coas ideas moi claras e, por suposto, á marxe da contaminación informativa que sofre a xente da miña idade, tanto a nivel político, como social, etc. Como xoven, síntome verdadeiramente integrado e identificado á hora de falar deste tema porque levo nove anos dentro do grupo de voluntariado do Concello de Arteixo, e formando parte deste grupo, fun facéndome coñecedor e compartindo algunhas experiencias que me fixeron “abrir os ollos” e querer buscar solucións a problemas que non están tan lonxe de nós: desigualdades sociais, acceso dos xóvenes á vivenda, ocupación do tempo de ocio, etc… Como integrante do grupo de voluntariado, vin que se pode facer un traballo silencioso e anónimo pero importante.
Así funme dando conta de que cada vez estaba máis metido e interesado polos problemas que afectan á sociedade en xeral e a Arteixo, en particular. Tamén me fun dando de conta que a responsabilidade non soamente lle corresponde ás institucións do Estado, senón que, cada un de nós, debemos exercer os nosos deberes e dereitos sociais, e non soamente sementar a crítica incoherente. Tamén me fun dando conta de que vivía nun total escepticismo fronte ó quefacer político do meu Concello…que estaba sendo sometido a unha propaganda “popular” que me dicía “non se trata de política senón de ti”, cando eu penso que cando se fala de nós estamos falando de política. Entón decidín asumir o reto de contribuír a ese cambio social que buscamos “case todos” e asumir unha mentalidade emprendedora, con ideas de cambio e comprometido co meu concello: decidín meterme de cheo nun novo mundo, no mundo da política.

Despois desta decisión había que valorar por cal dos diferentes grupos políticos me ía inclinar. NUNCA podería pertencer a un partido no que primaran os intereses creados e os aliñamentos ideolóxicos que limitan a capacidade das persoas de propoñer libremente as súas ideas e contribuír á solución dos problemas, O QUE EU BUSCABA era un partido político con un proxecto de renovación desta realidade que non nos gusta, que traballa polo concreto, no cotiá, no local, no cercano, no día a día e que xera novas respostas a retos diferentes…esa era a miña realidade, iso era o que eu buscaba, iso era TERRA GALEGA, o meu partido, xa o tiña claro.

E agora, a piques de iniciar a miña andadura política, chego con ganas de loitar e de abrir novas formas de participación sociopolítica, con ganas de asumir responsabilidades e de aprender, de enfrontarme á nova realidade que me agarda de agora en diante. Acabo de empezar e xa me atrevo a lanzar a miña primeira mensaxe aos que sodes xóvenes coma min: “non nos creamos impotentes, indefensos, indiferentes, illados, consumidores consumados, xóvenes sen futuro e sen proxecto, egoístas ou sen valores. Somos o futuro da sociedade e do mundo. Asumamos o reto de loitar por un mundo mellor, busquemos o noso lugar dentro del…Podemos comezar o 27 de maio acudindo a exercer o noso dereito a votar, como un compromiso persoal. Deste xeito, a xuventude deste concello, estaremos avogando e loitando por un Arteixo mellor ou polo menos distinto, renovado dende o diferente xeito de ver as cousas que temos a xente moza. Poderemos demostrar que non vivimos sen ideas ou despreocupadamente, que temos moitas cousas que dicir e que facer…

A política e a xuventude non son, nos últimos tempos, excelentes amigos de viaxe. Existe unha parte desta xuventude que deposita nas urnas un voto ideolóxico e argumentado, froito dunha reflexión baseada nun amplo abano de información. Pra eles un “10”.

Outra parte da xuventude acude ás urnas a votar polo simple feito de depositar o voto e cumprir “cun dereito que todo cidadán debe por en práctica”. Pero á hora de decantarse por unha opción política ou por outra, a súa decisión é tomada mediante o “efecto da inercia”: Segundo estea a situación política votan a “A” ou votan a “B” pero teñen claro que a “C” non lle van a votar porque certo efecto mediático o critica e eles, aínda que non saben moito de política saben que a ese non lle van a prestar a súa confianza.

E para rematar, que por desgraza ocupa case a metade de nós, é a porcentaxe de xóvenes que se absteñen de acudir a votar. Uns desencantados, outros porque “pasan”, outros porque non saben nin de qué vai o tema…

Ante semellante situación só podo dicir que só a xuventude podemos tomar o testigo, somos o futuro, debemos selo e responsabilizarnos do mesmo, debemos cometer os nosos propios erros e loitar polos nosos ideais, con memoria histórica e agradecementos pero tamén con renovación e loita, con enerxía e de xeito diferente a como se viña facendo ata este momento. E un bo xeito de comezar, repito unha vez máis, é acudindo a votar o vindeiro 27 de maio, por aquel partido político que mellor represente os teus ideais, as túas necesidades, o teu futuro…

O 27 de maio, faite valer!!