A asunción das competencias de sanidade por parte da Xunta de Galicia supuxo un despregue sen precedentes da nosa administración autonómica por todo o país. A día de hoxe, sanidade é a partida que maiores gastos supón para os orzamentos da Xunta, o cal dá unha idea da súa importancia a nivel galego.Avogamos por unha sanidade pública e universal que poida atender en condicións a todos os cidadáns do noso país, loitando contra as listas de espera e estendendo a rede de Puntos de Atención Continuada (PAC) polas nosas vilas.
Consideramos que a día de hoxe existen novas doenzas provocadas por determinados condicionamentos sociais, como son a anorexia e a bulimia cuxo tratamento ten que ser potenciado nos hospitais públicos. Por outra banda, hai que potenciar as campañas de prevención contra a obesidade como mellor maneira de asegurar unha maior calidade de vida no futuro.
Propoñemos:
- Potenciar nas escolas o servizo psicolóxico e psicopedagóxico.
- Potenciar os servizos de tratamento de enfermidades esencialmente psicolóxicas como a anorexia ou a bulimia dos hospitais públicos.
- Creación entre os máis novos de campañas institucionais de concienciación ante estas doenzas.
- Asesoramento e información aos pais dos nenos sobre unha alimentación correcta para os seus fillos.

