Cando escribimos o presente artigo confírmanse os peores presaxios que sinalei hai 3 meses; o goberno ZP e a súa Ministra de Agricultura teñen practicamente rematado o proxecto de lei do Plan de Reestructuración Láctea que supón un freo ás posibilidades de crecemento deste sector estratéxico do noso país ao territorializar os cupos de produción e deixar unicamente un 20% de reserva nacional a distribuír en explotacións familiares.Que os gobernos estatais do PSOE sempre se caracterizaron por frear as iniciativas empresariais que xurdían de Galicia de maneira endóxena é unha obviedade que non cómpre detallar unha vez máis. A novidade non é, pois, este novo atentado do goberno estatal contra os intereses dos nosos sectores produtivos senón que é ver a un Presidente da Xunta de Galiza defender dito plan contando coa anuencia (por omisión) dos conselleiros ¿nacionalistas? do BNG.
Un dos defectos dos políticos profesionais está en acomodarse a un cargo, un coche e despacho oficiais, un soldo de parlamentario, unhas dietas... e “descoidar” o motivo polo cal ocupan dito cargo; entendemos que a natureza humana é débil pero iso non é aceptable nos cargos públicos e menos no Presidente da Xunta que ocupa dito cargo porque os representantes do pobo galego o elixiron. En primeiro lugar, o señor Touriño debería saber que el, por riba da súa pertenza a un partido político estatal, é o Presidente da Xunta de Galicia e ten como mandato a defensa dos intereses dos cidadáns de Galiza e que, polo tanto, non pode actuar coma se fose un Delegado del Gobierno xustificando as decisións políticas perxudiciais para Galicia, por moito que iso vaia en contra do seu partido político.
Capítulo aparte merecen os conselleiros do BNG. Eles apoiaron durante os anos 90 as concentracións de agricultores e gandeiros e sempre fixeron fincapé na defensa do sector lácteo galego. Eles, que durante máis de 10 anos encabezaron as manifestacións contra a supertaxa son agora incapaces de dar un puñazo enriba da mesa nun asunto tan trascendental para o futuro de milleiros de familias. Eles, que dende o ano 1993 consideraron que eran os ÚNICOS, VERDADEIROS E PUROS nacionalistas que había en Galiza, traizoan uns principios con tal de continuar nas súas consellarías.
A aceptación de dito proxecto de lei que consiste en controlar dende os poderes públicos o reparto de cupos é unha mostra máis do talante sectario de ZP.O afán intervencionista do Goberno Central non busca outra cousa máis que manter os métodos clientelares que caracterizaron aos 15 anos de goberno de Manuel Fraga na Xunta de Galiza, só que agora ese clientelismo será ademais controlado dende Madrid a partir do reparto do Fondo de Reserva Nacional; ¡Esta é a España Plural que Zapatero di querer acadar! Esta é a tolerancia e o progreso socialistas nos que, coma sempre, Galiza é moeda de cambio. O actual deseño do proxecto de lei permitirá unha distribución en base a criterios arbitrarios dos excedentes de cota, consagrando así un sistema, sutil pero efectivo, de control político das pequenas explotacións gandeiras que en Galiza son a inmensa maioría; cómpre non esquecer que Galiza representa o 50% da poboación activa ocupada no sector lácteo no conxunto do Estado.
Dende Terra Galega insistimos en apoiar unha política baseada no respecto ao dereito a producir dos nosos gandeiros. Apoiamos que sexan os produtores os que intercambien libremente e sen ningún tipo de impedimento os seus dereitos de produción posto que nun mercado case totalmente homoxéneo como é o do leite o funcionamento da oferta e da demanda asigna eficazmente os recursos dispoñibles. En consecuencia, Terra Galega volve demandar a retirada do actual proxecto do Plan de Reestructuración del sector lácteo e a súa renegociación dende o punto de partida

