Galicia está á cola de Europa na cifra de alumnos que optan pola Formación Profesional

Un maior investimento tecnolóxico e a implicación das empresas son as claves do éxito noutros países. No tren europeo da formación profesional, Galicia viaxa no vagón de cola. Só o 35,7% dos galegos que terminan a educación secundaria obrigatoria elixen estes ciclos formativos. Con todo, en países como Holanda, Bélxica, República Checa e Gran Bretaña, esta opción é a maioritaria, seleccionada por máis do 65% do alumnado.

En países como Alemaña ou Austria, o contacto dos alumnos cos centros de traballo iníciase moito antes que en Galicia e alárgase máis no tempo. Ata, as empresas elaboran os seus propios plans formativos para futuros traballadores, o que lles permite adaptar a preparación ás súas propias necesidades e características. Coñécese como sistema dual.

A denominada fuga de cerebros protagonizada por estudantes universitarios que buscan noutros países unha saída laboral non se produce na FP, segundo os datos da Consellería de Educación. O 97% dos titulados en ciclos atopan un traballo na comunidade galega.

Os ciclos que rexistran unha maior taxa de ocupación son Fabricación mecánica (81,3%); Mantemento de vehículos autopropulsados (80%); Mantemento e servizos de produción (78,8%); e Madeira e moble (78,1%).

As saídas laborais son máis escasas en Comunicación, imaxe e son (50,9%); Sanidade (53,7%); Informática (54,5%); e Actividades físicas e deportivas (54,5%).

Os ciclos de grao superior son unha vía de acceso directa á Universidade. Isto provoca que o 64% dos titulados neste nivel académico cursen a continuación unha carreira. É diferente no caso das titulacións medias, xa que non son unha ponte para a Universidade. O que si é frecuente é que os estudantes dun ciclo medio complementen a súa formación con outros da mesma ou de diferente rama profesional.

A nosa terra, presente nunha colección de selos sobre "nacións celtas" editada polo goberno da Illa de Man

O goberno da Illa de Man, coincidindo coa celebración do seu Festival Intercéltico, ven de editar unha colección de selos postais na que cada nación celta ten o seu propio selo. Son oito estampas que inclúen as bandeiras de Galicia, Man, Irlanda, Escocia, Gales, Bretaña, Cornualles e Asturias. Ademais diso cada selo inclúe unha frase na lingua propia de cada país. No caso do selo adicado á nosa terra o lema escollido é a famosa sentenza de Castelo no seu libro "Sempre en Galiza": "Un povo, unha terra e unha fala". O selo da Illa de Man leva impreso o lema "Gyn chengey, gyn cheer", que en galego significa: "Sen lingua non hai país". Desde as Mocidades de TEGA queremos expresar a nosa máis sincera gratitude ao goberno da Illa de Man por este recoñecemento cara á nosa terra. Os selos sobre as nacións celtas poden mercarse na propia web do executivo da illa

Ningunha universidade galega supera o 20 por cento da docencia en lingua galega, segundo denuncia A Mesa

A asociación esixe que os profesores universitarios coñezan o idioma propio para garantir os dereitos dos alumnos. Ningunha universidade galega supera o 20 por cento da docencia en lingua galega, segundo denunciou A Mesa pola Normalización Lingüística, que asegurou que só a Universidade de Santiago de Compostela chega a esta porcentaxe, mentres que a de Vigo dá un 16 por cento das clases a lingua propia e a da Coruña a penas alcanza o 10 por cento.
En rolda de prensa, o presidente desta asociación, Carlos Callón, e o responsable da Mocidade pola Normalización Lingüística, Fran Rei, deron a coñecer na Coruña o informe que están a levar a cabo sobre o cumprimento dos dereitos lingüísticos no ensino.

Concretamente, xa denunciaron noutras ocasións o incumprimento do decreto do galego na educación obrigatoria, que obriga a, polo menos, impartir un 50 por cento das materias na lingua propia. Ao respecto, reclamaron a Educación "máis inspección" da aplicación da normativa xa que a asociación detectou "casos graves" de incumprimento, como o dunha profesora que traducía os apuntamentos do galego ao castelán en materias obrigatorias na lingua propia.

Nesta ocasión, A Mesa lamentou que "moitos alumnos" poidan empezar e rematar unha carreira "sen escoitar unha palabra de galego", o cal vén dado por que o profesorado "non ten a obriga de coñecer a lingua propia". "Moitos (alumnos) teñen que renunciar ao idioma para non ter problemas coa avaliación", reprobou Callón.

Deste modo, a asociación reclamou "medidas urxentes" para o cumprimento da Carta Europea das Linguas Minoritarias e Rexionais (Celmr), en virtude da cal pide que se estableza "un plan de formación lingüístico" para os docentes e que se garanta os materiais pedagóxicos en galego para todas as etapas educativas, algunhas delas con "especiais carencias" como educación infantil, o primeiro ciclo de primaria ou os ciclos formativos.

Recordou que "apenas" existen libros en galego para a Formación Profesional que, pola contra, debe impartir un 50 por cento do ensino na lingua propia, o que aboca ao "incumprimento masivo" do decreto do ensino.

MANIFESTACIÓN.
Por outra banda, Carlos Callón insistiu en que o Observatorio de Dereitos Lingüísticos constatou que o Estado español segue incumprindo a Celmr, pese que o Goberno acolleu só a "parte máis baixa da aplicación da carta".

Ante esta situación, A Mesa volveu a convocar á cidadanía para o próximo 18 de maio que, con motivo do Día dás Letras Galegas (que se festexa o día antes), celebrará esta asociación baixo o lema 'Polo dereito a vivirmos' en galego'.

Comeza a funcionar o autobús nocturno en Narón durante os fins de semana

A Concellería de Mocidade de Narón pon en marcha unha campaña divulgativa para promocionar entre a xuventude o uso do Noitebús os sábados pola noite.
A Concelleira de Mocidade e Participación Cidadá de Narón, Natalia Hermida, anunciou a posta en marcha dunha campaña informativa para divulgar o uso do autobús por parte da xuventude nas noites do fin de semana, en lugar de desprazarse en automóvil. Este servizo de transporte entrou en funcionamento o pasado 5 de Abril, a cargo da compañía Tranvías do Noroeste. A concesionaria realizará viaxes entre os concellos de Ferrol, Narón e Neda, dende as 11 da noite ata as 6 da mañá (con saídas de Ferrol ás horas en punto, e de Neda ás medias).(O prezo do billete é de 2 euros, e con ese ticket o usuario poderá realizar tódolos viaxes que desexe durante a noite. O autobús dispón de máis de 100 prazas, e está adaptado para persoas minusválidas además de ir rotulado como tal. Para colaborar ó seu uso, o Concello difundirá 300 carteis e 1.000 tarxetas de pequeño tamaño, ademáis dunha campaña informativa en emisoras de radio durante un mes.
A Concelleira de Xuventude, Natalia Hermida, declarou que con esta iniciativa do Concello "se axuda a fortalecer o servicio público de transporte colectivo, e se evita que os xóvenes desprácense en coche durante as noites do fin de semana". O autobús nocturno estará operativo neste ano durante 49 xornadas, e realizará 17 servicios por xornada. Para o ano 2009, ten pensado realizar 28 xornadas, sempre as noites dos sábados e vísperas de festivos.

O responsable de Servizos de Tranvías, Roberto Moreda, calificou esta iniciativa coma "unha aposta pola xuventude", e lembrou que este servizo xa o realizaron durante o pasado ano "e tivemos unha boa ocupación, por encima da media de outras cidades de Galicia". Esta compañía xa solicitou á Xunta de Galicia unha subvención dentro do programa de Noitebús.

Galicia, entre as autonomías do Estado menos respectuosas co medio ambiente

Segundo o estudo “Sustentabilidade en España 2006”, elaborado polo Observatorio da Sustentabilidade en España, a nosa terra avanza moi lentamente cara a un desenvolvemento sostible. Dita análise trata diferentes variables e indicadores entre o período 1990-2004. Na maior parte deles a nosa terra sae moi mal parada.
Así, no que se refire á contaminación atmosférica, Galicia lidera a emisión de dióxido de xofre en España cun 30% do total debido fundamentalmente ás tres centrais térmicas emprazadas no noso territorio (Meirama, As Pontes, Sabón).

En canto as emisións de óxido de nitróxeno é a cuarta máis contaminante.

No que respecta ao apartado de biodiversidade Galicia é, xunto con Murcia e Castela e León, a comunidade con maior proporción de mamíferos en perigo de extinción: cerca do 15%.

No que se refire ao apartado de incendios,a nosa terra foi a autonomía con maior superficie queimada polos incendios no período 1968-2004, tanto en valor absoluto (42.465 hectáreas de media anual) como en porcentaxe de superficie queimada do propio territorio (1,4% cada ano). Con todo, en superficie arbórea queimada hai outras catro comunidades por diante.

En canto á utilización e consumo da auga, o incremento no consumo nos fogares galegos entre 1996 e 2003 foi do 33%, ata superar os 140 litros por habitante e día (segundo Nacións Unidas, para levar unha vida digna só fan falta 60 litros ao día). Á súa vez, as perdas nas redes de distribución aumentaron ata o 20% de toda o auga distribuída entre 1996 e o 2003.

Finalmente, no que se refire á depuración de augas residuais Galicia é ,despois de Asturias, a comunidade que máis incumpre a directiva europea no tocante a este tema.

As Mocidades de TEGA denuncian que nos dous anos e medio de goberno PSOE-BNG, Galicia perdeu máis de 26.000 postos de traballo no sector primario

En só dous anos e medio o sector primario galego perdeu a case unha cuarta parte dos seus traballadores. Cando os socialistas e benegás chegaron ao goberno da Xunta o número de galegos que traballaban neste sector superaba os 123.000 traballadores. Dous anos e medio despois esta cifra viuse reducida aos 97.000. É a primeira vez na historia que o número de galegos que traballan no agro e no mar baixa dos 100.000 traballadores.
Neste curto período de tempo o sector primario perdeu case tres puntos porcentuais sobre o total de ocupados en Galicia, pasando do 11 ao 8% e situándose como o sector que menos emprego xera, sendo superado nestes anos polo sector da construción.

O significado destes datos son tan negativos que, de seguir con esta tendencia, as actividades produtivas en Galicia desaparecerían por completo en menos dunha década.
Se ben é certo que se trata dun problema estrutural herdado dos gobernos de Fraga e da ditadura franquista, non é menos certo que esta tendencia negativa, lonxe de desacelerarse mesmo se acentúa, perdendo a nosa terra unha media de 10.000 empregos por ano neste sector.

Desde as Mocidades de TEGA queremos deixar constancia de que, se estes datos nos parecen desoladores, máis decepcionante aínda nos parece o feito de que a consellería que ten máis responsabilidade neste respecto, a de Medio Rural, estea gobernada polo BNG, unha forza política que durante os seus máis de 20 anos na oposición empregou “a defensa dos sectores produtivos galegos” coma unha das súas maiores bandeiras e mesmo como un dos seus principais sinais de identidade e que, agora que está no poder, non é capaz de frear esta sangría.

Desde as Mocidades de TEGA consideramos que boa parte das políticas efectuadas polo BNG nesta consellería son pouco realistas e que non están a ser efectivas nin operativas, caendo moitas veces no puro efectismo e na mera propaganda.

Dende a formación xuvenil consideramos que se debe potenciar a calidade, a innovación e a diferenciación dos nosos produtos mediante o fomento e a modernización continua da nosa agroindustria pechando aquí os ciclos produtivos e apostando forte pola diversificación e a implantación de novas actividades como a floricultura,a agricultura ecolóxica, a produción de enerxía a partir da biomasa, o aproveitamento de certos cultivos para a produción de biocombustibles ou a acuicultura. Do mesmo xeito, desde TEGA tamén consideramos moi importante fomentar a dignificación social de todas estas actividades asociadas co mar e co agro.

Fonte datos táboa: IGE(Instituto Galego de Estatística)